A Estratexia en compra pública de innovación do Servizo Galego de Saúde gaña os European Public Sector Awards 2025-26
Resultou gañadora na categoría de ‘Prestación de servizos centrados no usuario a nivel subnacional’, tras concorrer con outras 36 iniciativas
A candidatura foi presentada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade
A Xunta desenvolve a compra pública de innovación desde 2012, unha estratexia que xa deu lugar a máis de 30 procesos de contratación
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2026
A candidatura ‘Estratexia galega de compra pública de innovación en Saúde do Servizo Galego de Saúde’ resultou gañadora dos European Public Sector Awards 2025-26, premios organizados polo European Institute of Public Administration (EIPA) co apoio da Comisión Europea.
A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) presentou esta iniciativa, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade, na categoría de Prestación de servizos centrados no usuario a nivel subnacional.
Tras enfrontarse a outros 36 proxectos da mesma categoría, a candidatura galega resultou finalista xunto con outros dous proxectos: ‘BärGPT’, da Cancillería do Senado de Berlín, e ‘Suma CivicData Engine’, da Deputación de Alacante. Finalmente, a iniciativa galega foi escollida como a gañadora.
Máis de dez anos apostando pola innovación sanitaria
A candidatura pon en valor unha estratexia que o Sergas desenvolve desde 2012. Grazas a ela, a compra pública de innovación converteuse nun instrumento para identificar necesidades do sistema sanitario e impulsar novas solucións a partir de consultas preliminares ao mercado previas aos procesos de contratación.
Entre 2012 e 2026, a Xunta investiu máis de 120 millóns de euros en programas de compra pública innovadora orientados a impulsar a investigación e a innovación en saúde, o que permitiu integrar esta ferramenta na planificación do investimento sanitario e consolidar procedementos e equipos especializados.
Deste xeito, a estratexia galega deu lugar a máis de 30 procesos de contratación de innovación. Entre os resultados destacan a historia clínica electrónica IANUS, a receita electrónica e o sistema de teleasistencia TELEA, xa integrados na práctica clínica.
Tamén resaltan outros proxectos como a plataforma E-Saúde, para o acceso da cidadanía aos recursos do sistema sanitario público galego, e a Plataforma Share, destinada á formación de profesionais e pacientes.