A Xunta avanza nas obras do proxecto piloto para crear espazos individualizados de atención á cidadanía nos centros de saúde
As intervencións realízanse nos centros de saúde de Ordes, Os Rosales da Coruña, Pontedeume, A Guarda, Monforte de Lemos e Virxe da Peregrina en Pontevedra
O proxecto, cun investimento de case 1 millón de euros, prioriza a atención personalizada mediante a substitución dos tradicionais mostradores por cabinas acristaladas para favorecer un entorno máis próximo, personalizado e respectuoso coa intimidade das persoas
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2026
Avanzan a bo ritmo as obras que está a levar a cabo a Xunta no marco da súa iniciativa para impulsar un proxecto piloto de humanización nas áreas administrativas de seis centros de saúde, creando espazos individualizados de atención aos pacientes.
Cun investimento próximo ao millón de euros, o proxecto ten como obxectivo optimizar a atención personalizada dos pacientes mediante a substitución dos tradicionais mostradores por cabinas acristaladas que favorezan a confidencialidade da información e das xestións realizadas polos pacientes.
Deste xeito, estes postos de atención individualizada suporán unha transformación profunda dos espazos de atención administrativa, dando lugar a un modelo máis próximo, seguro e funcional.
A iniciativa testarase de xeito inicial en seis centros de atención primaria, onde se impulsan as obras de humanización: en Ordes, Os Rosales na Coruña, Pontedeume, A Guarda, Monforte de Lemos e Virxe da Peregrina en Pontevedra.
Situación actual
En concreto, están rematadas as obras de Ordes e nos Rosales, co persoal xa está emprazado nos novos postos desde mediados do mes de agosto.
No centro de saúde da Peregrina a obra vai a bo ritmo, coa previsión de que, en cuestión de semanas se poida trasladar o persoal. No centro de saúde da Guarda os teitos xa están instalados e proximamente colocaranse os revestimentos, polo que a obra marcha segundo o planificado.
Tamén se iniciou a obra no centro de saúde de Monforte de Lemos e no de Pontedeume, que avanzan segundo o previsto.
Unha vez se rematen as obras e se constate a efectividade destas actuacións, o Executivo galego avaliará a posibilidade de estender a dita medida a outros centros de atención primaria.
Novo modelo organizativo de atención primaria
Enmarcada na Estratexia de humanización dos centros de saúde, a mellora das áreas administrativas permitirá ofrecer unha atención máis próxima, personalizada e respectuosa coa intimidade das persoas. Así mesmo, contribuirá a adaptar o traballo dos profesionais administrativos ao novo modelo organizativo da atención primaria.
Nun contexto no que o persoal administrativo asume un papel cada vez máis activo e autónomo na xestión da demanda asistencial (con axendas propias e maior autonomía), é preciso contar con espazos adaptados ás súas novas funcións, facilitando a atención centrada na persoa, mellorando a comunicación e optimizando o desenvolvemento das tarefas en condicións de privacidade, confort e eficiencia.
Con esta iniciativa, a Consellería de Sanidade continúa a avanzar na modernización do primeiro nivel asistencial, promovendo espazos máis humanizados e adaptados ás necesidades actuais de usuarios e profesionais.