A Xunta celebra iniciativas como o Encontro do xubilado de Ribadeo, que fomentan a integración e o envellecemento activo e saudable dos maiores
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, lembrou as actividades que promove o Goberno galego para a atención da terceira idade
Ribadeo (Lugo), 27 de setembro de 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta tarde no III Encontro do Xubilado de Ribadeo, onde resaltou as iniciativas como esta, que fomentan a integración e o envellecemento activo e saudable.
Lembrou, así mesmo, que o benestar dos maiores é unha das máximas prioridades da Xunta, que impulsa cada ano novas iniciativas pensadas para garantir a súa atención. Deste xeito, recordou algunhas das actividades de envellecemento activo que promove o Goberno galego como o programa Benestar en Balnearios ou Xuntos polo Nadal.
Ademais, o director xeral lembrou que todos os maiores de Galicia teñen á súa disposición o Carné +65, unha tarxeta gratuíta que a Xunta envía aos domicilios e coa que poden acceder a diferentes vantaxes e beneficios. Así, explicou que poden contar con descontos ou obsequios en establecementos galegos de benestar, saúde, ocio, gastronomía ou turismo.