A conselleira de Política Social e Igualdade acompaña á directiva da entidade na inauguración deste novo recurso
A Xunta cede un local á Federación Alzhéimer Galicia para a instalación da súa nova sede en Santiago de Compostela
Fabiola García agradece á entidade “o seu apoio e colaboración constante”, así como o seu labor na atención a 5.000 familias galegas
Lembra que Galicia é a única comunidade que dispón dunha rede autonómica de centros de día de alzhéimer, que conta con máis de 560 prazas públicas
Santiago de Compostela, 26 de setembro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asistiu esta mañá á inauguración da nova sede en Santiago de Compostela da Federación Alzhéimer Galicia (Fagal), que se atopa emprazada nun local cedido de xeito gratuíto pola Xunta.
Na súa intervención, Fabiola García agradeceu a Fagal “o seu apoio e colaboración constante” e a súa labor á fronte de 15 entidades galegas que atenden a 5.000 familias. A conselleira lembrou, ademais, que Galicia é a única comunidade que dispón dunha rede autonómica de centros de día de alzhéimer, que conta con máis de 560 prazas públicas por toda a comunidade.
Por último, puxo en valor o feito de que Galicia “ten a fortuna de contar cun tecido social forte e implicado na mellora da calidade de vida de todos os galegos desde a atención especializada”, destacando o labor que realiza Fagal.