A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, participou hoxe no acto de apertura da segunda edición do festival Dálle Xogo

A Consellería de Sanidade destaca o xogo como ferramenta de lecer educativa no marco da prevención das condutas adictivas na infancia e adolescencia

A secretaria xeral técnica subliña o traballo da Dirección Xeral de Saúde Pública en materia de promoción da saúde

Galicia foi pioneira en España coa aprobación da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que regula o uso de vapeadores e a venda de bebidas enerxéticas entre a mocidade

A Xunta apoia o financiamento de iniciativas de ocio saudable, entre elas o programa ‘Adestrar sen pantallas’

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade participou no acto de apertura da segunda edición do festival Dálle Xogo, onde puxo en valor o xogo como ferramenta de lecer educativa e destacou o apoio da Xunta a este tipo de iniciativas como parte da estratexia de promoción de hábitos saudables e prevención de condutas adictivas na infancia e a adolescencia.

Neste senso, sinalou a aprobación da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, na que Galicia foi pioneira coa regulación da venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas, equiparando as bebidas enerxéticas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco no que respecta ás restricións.

A secretaria xeral técnica aproveitou para lembrar o labor que desenvolve a Dirección Xeral de Saúde Pública en materia de promoción da saúde e prevención das condutas adictivas, a través de programas e campañas dirixidas á poboación infantil e xuvenil co obxectivo de fomentar estilos de vida saudables desde idades temperás.

Ademais desta iniciativa, a Xunta apoia o financiamento doutros programas como Adestrar sen pantallas, promovido polas consellerías de Sanidade e Presidencia, Xustiza e Deportes para fomentar o deporte como alternativa ao uso abusivo dos dispositivos dixitais.

O xogo como alternativa saudable

O festival Dálle Xogo inicia este venres, de 16,30 a 20,30 horas, e continuará o sábado e o domingo, de 10,30 a 20,30 horas, con actividades dirixidas a diferentes idades.

A entrada é de balde e pódese consultar o programa completo de actividades na web https://dallexogo.es. 

A programación incluirá un espazo de xogo libre, cunha ludoteca ampliada e demostracións de xogos a cargo de editoriais e especialistas do sector. Tamén se desenvolverán tres relatorios centrados na educación e os hábitos saudables, así como obradoiros con actividades interxeracionais.

A xornada completarase con torneos con premios e sesións de sinatura de autores, mantendo unha combinación de accións lúdicas, educativas e participativas, seguindo a liña da pasada edición.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2026