A Xunta licita por máis de 290.000 euros a subministración de mobiliario xeral e de oficina con destino ao Centro de Protonterapia de Galicia

O equipamento consiste en mobiliario de oficina, taquillas, vestiarios e estantes, entre outros

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 26 de outubro para presentar as súas ofertas

A nova infraestrutura sanitaria será un referente a nivel estatal e atenderá, ademais de galegos, a pacientes procedentes doutras rexións

O Centro de Protonterapia de Galicia será o primeiro da sanidade pública en ofrecer este tratamento

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 291.302 euros, da subministración de mobiliario xeral e de oficina con destino ao Centro de Protonterapia de Galicia.

O expediente tamén recolle a distribución, montaxe e instalación do equipamento, que consiste en mobiliario de oficina, mobiliario especial, taquillas, vestiarios e estantes, entre outros.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o 26 de outubro para presentar as súas ofertas.

O Centro de Protonterapia, que está previsto que a finais deste ano ou principios do vindeiro poida estar tratando xa os primeiros pacientes, será un referente a nivel estatal e atenderá, ademais de galegos, a pacientes procedentes de Castela e León, Asturias e do norte de Portugal, cunha capacidade estimada de 250 persoas ao ano.

O centro estará especialmente enfocado a pacientes oncolóxicos con alta expectativa de supervivencia, prestando atención destacada á poboación infantil.

O investimento total do Centro de Protonterapia de Galicia supera os 60 millóns de euros entre a edificación e o equipamento. Nese orzamento están recollidos os 28 millóns de euros achegados pola Fundación Amancio Ortega á sanidade pública galega no marco do acordo para o impulso da protonterapia en España.

Cómpre resaltar que o Centro de Protonterapia de Galicia será o primeiro da sanidade pública en ofrecer este tratamento.

As obras do edificio, impulsadas polo Goberno galego, están cofinanciadas con fondos europeos do programa Feder de Galicia 2021-2027.

Data de actualización: 28/09/2026