A Xunta licita por máis de 500.000 € o desenvolvemento dun sistema de xestión da demanda da actividade en atención primaria, nos PAC e na atención hospitalaria
A contratación ten un valor estimado de 2,2 M€, atendendo ás posibles prórrogas por un período máximo de catro anos
Esta iniciativa contribuirá a consolidar un modelo integrado de xestión asistencial que facilite a coordinación entre atención primaria e atención hospitalaria, a xestión eficiente de citas e recursos e a rastrexabilidade de pacientes ao longo dos diferentes procesos asistenciais
As novas funcionalidades posibilitarán a xeración automática de citas, actuacións e seguimentos, así como a xestión proactiva da demanda médica, reducindo as cargas administrativas, mellorando a experiencia de pacientes e profesionais
A presente contratación está aliñada co plan de reforma integral da atención primaria, orientada cara a un modelo asistencial máis accesible, proactivo e centrado nas necesidades da poboación
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
A Xunta vén de publicar no Portal de contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 507.386,88 euros, dos servizos de desenvolvemento dun sistema de xestión dinámica e automatización da demanda da actividade na atención primaria, puntos de atención continuada e atención hospitalaria.
O expediente ten un valor estimado de 2.180.505,60 euros tendo en conta as posibles prórrogas por un período máximo de catro anos.
A presente contratación alíñase cos obxectivos da operación “Transformación Dixital da Sanidade Galega” do Programa Galicia FEDER 2021-2027, orientada a impulsar a transformación dixital do sistema sanitario mediante o desenvolvemento e integración de sistemas de información que permitan mellorar a coordinación asistencial, optimizar os procesos clínicos e administrativos e favorecer unha atención sanitaria máis eficiente, integrada e centrada no paciente.
Entre as liñas de actuación previstas nesta transformación dixital inclúense o desenvolvemento de sistemas de coordinación e xestión de citas, a implantación de solucións para a optimización de recursos asistenciais, a mellora da interoperabilidade entre sistemas de información sanitarios e a evolución de plataformas corporativas que faciliten a xestión e rastrexabilidade da actividade asistencial.
A actual contratación que agora vén de licitarse permitirá garantir a continuidade operativa dunha plataforma estratéxica para o Servizo Galego de Saúde, así como a súa adaptación a novas necesidades funcionais, organizativas e tecnolóxicas.
A actuación contribuirá a consolidar un modelo integrado de xestión asistencial que facilite a coordinación entre atención primaria e atención hospitalaria, a xestión eficiente de citas e recursos e a rastrexabilidade de pacientes ao longo dos diferentes procesos asistenciais.
A actuación contribuirá, igualmente, á mellora da eficiencia e sostibilidade do sistema sanitario, mediante a optimización dos procesos de xestión da actividade asistencial e a explotación de información estruturada sobre pacientes, profesionais, recursos e actividade clínica.
A dispoñibilidade de ferramentas avanzadas de xestión e rastrexabilidade permitirá mellorar a planificación e seguimento da actividade, identificar oportunidades de mellora organizativa e facilitar a toma de decisións baseada en información fiable e actualizada.
Reforzo da atención primaria
A presente contratación está aliñada coa reforma integral da atención primaria que impulsa a Xunta, orientada a acadar un modelo asistencial máis accesible, proactivo e centrado nas necesidades da poboación. Neste contexto, resulta necesario avanzar na evolución dos sistemas de xestión de axendas, citación e planificación da actividade, facilitando unha xestión intelixente da demanda, a coordinación entre os distintos perfís profesionais e a incorporación de novas modalidades asistenciais, así como o seguimento da capacidade, a accesibilidade e a calidade do servizo.
Deste xeito, abordarase o desenvolvemento de novas capacidades de automatización de procesos asistenciais que permitan transformar ordes asistenciais, protocolos clínicos, guías de práctica clínica, programas de saúde e plans de coidados personalizados na actividade asistencial planificada.
Estas funcionalidades posibilitarán a xeración automática de citas, actuacións e seguimentos, así como a xestión proactiva da demanda asistencial. Deste xeito reduciranse as cargas administrativas, mellorarase a experiencia de pacientes e profesionais, favorecerase a continuidade asistencial e facilitarase a coordinación entre os diferentes perfís profesionais.
Así mesmo, o novo sistema integrará, consolidará e evolucionará as funcións existentes, entre as que se atopan a xestión de Puntos de Atención Continuada, a xestión de pacientes crónicos, as interconsultas con atención especializada ou a xestión de dietarios e distribución de axendas e citas, entre outros.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 26 de outubro para presentar as súas ofertas.