A Mesa sectorial de Sanidade reuniuse este luns para analizar as medidas de reforma da atención primaria que está a impulsar o Goberno galego

A Mesa Sectorial de Sanidade aborda o novo modelo retributivo en atención primaria, que terá en conta a complexidade dos pacientes e as condicións nas que se presta a asistencia

A proposta presentada pola Consellería de Sanidade prevé a creación dun novo criterio que, ademais de basearse no número de tarxetas sanitarias, tamén pondere a idade dos pacientes atendidos e a complexidade da súa asistencia

O novo modelo retributivo, que chegará a todas as categorías profesionais, tamén recoñece condicións como a dispersión xeográfica, o factor de illamento ou o factor de soidade

O obxectivo é que os cupos de maior complexidade e os postos con condicións asistenciais máis exixentes teñan un maior recoñecemento retributivo

Na Mesa Sectorial tamén se abordou a planificación asistencial de recursos humanos en atención primaria, incorporando as achegas das organizacións sindicais á proposta

A Xunta incorporará a podoloxía á atención primaria, creando 14 prazas en 2027 e coa previsión de ampliar esta dotación ata os 28 profesionais no ano 2030

Cando se habilite unha nova praza de médico de familia ou de pediatra, seguirase a ratio de 1:1, polo que tamén se creará outra para enfermería

Establécese unha ratio de 1/50.000 dietista-nutricionista en atención primaria, seguindo a recomendación da Organización Mundial da Saúde, o que suporá a dotación de 53 profesionais, un incremento de 8 prazas sobre as 45 xa existentes

Ampliarase a rede de psicoloxía clínica en atención primaria a 50 profesionais ata 2030, de acordo ao comprometido e recollido no Plan de Saúde Mental

Santiago de Compostela, 29 de setembro  de 2026

A Mesa sectorial de Sanidade analizou este luns a reforma das condicións retributivas dos profesionais de atención primaria proposta polo Servizo Galego de Saúde co obxectivo de acadar un modelo máis equitativo e con complementos adaptados á complexidade asistencial e a realidade demográfica de Galicia.

Así, o novo modelo retributivo proposto para atención primaria terá en conta, ademais do volume de poboación asignada a cada profesional, a complexidade dos pacientes e as condicións nas que se presta a asistencia.

A Consellería de Sanidade presentoulle ás organizacións sindicais un conxunto de medidas coas que, no marco da reforma da atención primaria que está a impulsar a Xunta, se vai actualizar o Decreto 226/1996, que regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servizos deste nivel asistencial.

Nesta liña, para as categorías de medicina de familia, pediatría e enfermería, abordouse a creación dunha nova modalidade retributiva que asigna un maior valor a aqueles cupos que conten con pacientes pertencentes a aqueles tramos de idade que precisan unha maior atención sanitaria.

Así, no caso concreto de medicina de familia, enfermería e pediatría as tarxetas sanitarias ponderaranse segundo a idade dos pacientes. Os grupos que, con carácter xeral, requiren unha maior intensidade asistencial terán tamén un maior peso no cálculo.

Deste xeito, unha tarxeta sanitaria dun menor de 0 a 2 anos ou dunha persoa de 81 ou máis anos terá un peso tres veces superior ao dunha tarxeta estándar, mentres que as correspondentes aos tramos de 3 a 6 anos e de 66 a 80 anos terán un peso dobre.

A proposta estende, ademais, este compoñente retributivo ligado á poboación atendida ao conxunto das categorías de atención primaria, adaptando o cálculo ás características de cada categoría profesional e á poboación de referencia asignada.

Así mesmo, e co obxectivo de protexer as prestacións sanitarias naquelas zonas con menor poboación, contémplanse diferentes compensacións económicas para os profesionais, cando desempeñan o seu labor en municipios que dispoñan dunha única praza e conten cun número mínimo de tarxetas asignadas. Desta forma, o novo modelo vai máis alá das características dos pacientes atendidos e ten en conta tamén as condicións nas que os profesionais desenvolven o seu traballo.

Así, terase en conta a dispersión xeográfica, diferenciando entre quen presta asistencia en varios centros dun mesmo municipio, quen debe desprazarse entre centros durante unha mesma xornada ou quen traballa en centros situados en distintos municipios. A maior dispersión e necesidade de desprazamento, maior será o recoñecemento retributivo que se propón.

Tamén se pretende reforzar o factor de illamento para os profesionais que presten servizo en localidades especialmente afastadas, atendendo a criterios como a distancia aos principais núcleos urbanos e aos hospitais, o tamaño da poboación ou as características da zona na que se presta a asistencia. A isto súmase o factor da soidade, previsto naqueles supostos nos que non exista no municipio outro profesional da mesma categoría. 

Estes factores de illamento e soidade propóñense para os profesionais do equipo básico de atención primaria: médico especialista en medicina familiar e comunitaria, enfermeiro, enfermeiro especialista en medicina familiar e comunitaria e persoal de xestión e servizos.

O obxectivo das medidas propostas na Mesa Sectorial de Sanidade é que os cupos de maior complexidade e os postos asistenciais máis exixentes teñan un maior recoñecemento retributivo.

Ademais das tres categorías mencionadas, o borrador inclúe melloras retributivas en función da poboación de referencia asignada para os profesionais de odontoloxía, farmacia, hixienistas bucodentais, TCAE, persoal de servizos xerais, matronas, fisioterapeutas, traballadores sociais, dietistas-nutricionistas e equipos de soporte de atención domiciliaria (ESAD).

Incorporación de Podoloxía e Plan de Recursos Humanos

Durante a xuntanza da Mesa Sectorial, o Servizo Galego de Saúde presentou a súa planificación de recursos humanos para os vindeiros anos, no marco da reforma integral da atención primaria que está a impulsar, e co que se reforzarán todas as categorías profesionais.

Entre os puntos abordados destaca a definición de criterios obxectivos para a creación de prazas estruturais nas diferente categorías da atención primaria galega.

Entre outras medidas, prevese a incorporación de profesionais de podoloxía ao primeiro nivel asistencial, para o que se crearán 14 prazas en 2027, coa previsión de acadar as 28 no ano 2030.

De igual forma, ampliarase a rede de psicoloxía clínica en atención primaria ata chegar aos 50 profesionais en 2030, de acordo co comprometido e co recollido no Plan Estratéxico de Saúde Mental 2026-2030.

Establécese, ademais, unha ratio de 1/50.000 dietista-nutricionista en atención primaria, seguindo a recomendación da Organización Mundial da Saúde, o que suporá a dotación de 53 profesionais, un incremento de 8 prazas sobre as 45 xa existentes.

En cando ás novas prazas de médico de familia ou de pediatría, establécese que cando se habilite unha nova praza en calquera destas dúas categorías, seguirase a ratio de 1:1, polo que se creará outra praza para enfermería.

Con estas medidas, a Xunta reafirma o seu compromiso coa equidade asistencial e a sostibilidade dos seus equipos de atención primaria, ao tempo que mellora as condicións laborais dos seus profesionais.

Data de actualización: 29/09/2026