Educación colabora coa Asociación Galega de corredores de seguros na primeira FP Dual Intensiva de Alta Especialización de administración e finanzas

O conselleiro de Educación, Ciencia e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente da entidade, Pablo Lariño, avalían a posta en marcha desta formación, con 30 matriculados no Instituto Ricardo Mella de Vigo neste curso 2026/27

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP avalía coa Asociación Galega de Corredores e Corredurías de Seguros, Agacose, a posta en marcha do primeiro ciclo de FP Dual Intensiva de Alta Especialización na familia de Administración e Finanzas, que arranca por primeira vez este curso no Instituto Ricardo Mella de Vigo con 30 persoas matriculada, cubrindo así o total das prazas ofertadas.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañado da directora xeral de FP, Eugenia Fernández, reuniuse hoxe co presidente da entidade, Pablo Lariño, para analizar a implantación do ciclo formativo de grao superior de Administración e Finanzas, que conta con formación de alta especialización en Seguros.

Ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería e Agacose en vigor durante catro cursos, esta formación impártese de xeito compartido entre o centro educativo e as empresas pertencentes a Agacose, que selecciona as firmas máis idóneas para acoller nas súas instalacións o alumnado correspondente, que debe cumprir cos requisitos de admisión establecidos pola Consellería. Neste momento son xa 12 as corredurías asociadas que teñen asignado un alumno o alumna e outras seis as que colaboran, pendentes de asignación de estudantes.

Cómpre lembrar que as titulacións de alta especialización son unha modalidade que Galicia comezou a implantar, de xeito exclusivo, no curso 2023/24. Están configurados como proxectos de FP Dual Intensiva que complementan o currículo incorporando formación especializada adicional, como é o caso desta FP de Administración e Finanzas con especialización en Seguros obxecto deste convenio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2026