As facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación de Santiago convidan aos seus estudantes a participar na campaña “Un alento de vida” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

As decanas dos dous centros educativos e responsables da Axencia presentaron esta mañá unha iniciativa que tenta sensibilizar aos futuros profesionais dos sistemas sanitario e educativo da importancia de colaborar activamente doando sangue

A ADOS marcase o obxectivo de superar a barreira das 4.500 doazóns no eido universitario durante o presente curso académico 2026-27

Santiago, 29 de setembro de 2026

A decana da Facultade de Enfermaría, Raquel Rodríguez González; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, María del Mar Lorenzo Moledo; o responsable do área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Gerardo Hermida Fernández; e o responsable de Xestión de Colectas e Hemodoazón, José María Vázquez Estepa, presentaron esta mañá a iniciativa “Un alento de vida”, coa que se pretende aumentar a participación do colectivo universitario na campaña de doazón nas universidades galegas no presente curso académico.

Todos eles quixeron salientar a importancia vital que ten o solidario xesto da doazón de sangue no sostemento do noso sistema público de saúde e fixeron fincapé na necesidade de contar coa activa participación dos estudantes de Enfermaría e de Ciencias da Educación como futuros profesionais dos eidos sanitario e educativo.

Neste curso académico, a campaña desenvolverase baixo o lema “Un alento de vida”, que da continuación á iniciativa de captación de doazóns de sangue que tivo lugar nos meses de verán, e que tenta sensibilizar á cidadanía da importancia de doar sangue.

Campaña especial

As Facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación acollen este martes 29 de setembro a visita dunha unidade móbil da ADOS, estacionada na entrada principal das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas, así como dunha montaxe especial consistente na imaxe dunha gota de sangue xigante, na que poderán pegarse globos como metáfora da doazón de sangue como o aire que os doantes facilitan aos enfermos para ter unha segunda oportunidade de vida.

Ademais, a Axencia instalou na entrada da facultade de Enfermaría unha mesa informativa sobre outro xeito de doazón: a medula ósea. Os membros da comunidade universitaria poderán achegarse durante toda a mañá para resolver dúbidas sobre este modo de doazón e saber como facerse doadores.

Datos de participación

O obxectivo da Axencia para o presente curso académico pasa por achegarse ata as 4.500 doazóns de sangue nos sete campus das tres universidades galegas. Neste sentido, salientar que, no transcurso do pasado curso académico 2025-2026, as tres universidades galegas aportaron un total de 4.605 doazóns de sangue, das cales 1.633 doazóns (un 35% dos doantes) correspóndense con persoas que doaban por vez primeira.

A Universidade de maior número de doazóns foi a de Santiago de Compostela, con 1.891 doazóns de sangue, seguida da Universidade da Coruña con 1.427 e, por último, a Universidade de Vigo cun total de 1.287 achegas.  Por campus, a distribución aparece recollida na seguinte táboa:

CAMPUS

DOAZÓNS

curso 2024-25

DOAZÓNS

curso 2025-26

A CORUÑA

1.119

1.144

FERROL

281

283

SANTIAGO DE COMPOSTELA

1.092

1.455

LUGO

461

436

VIGO

765

731

PONTEVEDRA

304

288

OURENSE

309

268

TOTAL DOS SETE CAMPUS

4.331

4.605

Agradecemento

A ADOS quere agradecer, especialmente, a inestimable colaboración brindada tanto polos decanatos das Facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación como pola Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de iniciativas para impulsar a doazón de sangue, así como doutros xeitos de doazón  entre a comunidade estudantil, ao tempo que fai extensivo este recoñecementos a todos os estudantes galegos que doan sangue.

Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2026