O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria participou na inauguración das xornadas técnicas que organiza Cruz Vermella

A Xunta aposta por fortalecer a formación dos axentes sociais na prevención e detección da soidade non desexada

Antón Acevedo agradeceu a colaboración da Cruz Vermella e puxo en valor o seu labor de apoio para axudar ás persoas que máis o precisan en toda a comunidade

Lembrou que Galicia conta cunha estratexia pioneira neste eido que contempla unha ampla folla de ruta de medidas e accións

Ademais, recordou que a Central de Atención Telefónica ofreceu servizo a unha media de 21 persoas ao día no seu primeiro ano de funcionamento

A Coruña, 29 de setembro de 2026

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na inauguración das xornadas técnicas que organiza a Cruz Vermella baixo o lema Tecnoloxía inclusiva contra a soidade. Tras a súa participación neste foro, que reúne profesionais de distintos sectores na Cidade das TIC,  avogou  por reforzar e apoiar a formación dos axentes sociais para previr e detectar estas situacións.

Antón Acevedo fixo fincapé no compromiso da Xunta coa atención á soidade non desexada e que se traduce nun amplo paquete de medidas e accións recollidas nunha estratexia pioneira e de referencia en todo o país. Por iso, aproveitou a ocasión para agradecer a Cruz Vermella o seu papel no desenvolvemento deste mecanismo que pretende axudar a calquera persoa que o precise, especialmente – dixo- aos maiores.

Neste sentido, o director xeral lembrou que durante o primeiro ano de funcionamento da central de atención telefónica atendeu preto de 8.000 chamadas e que supón, explicou, que os profesionais deste recurso dan servizo a unhas 21 persoas ao día. Este servizo ofrece asesoramento, acompañamento e apoio profesional e de xeito totalmente gratuíto.

Esta central de atención é só un dos piares da Estratexia galega contra a soidade non desexada, que, segundo explicou Antón Acevedo, consta dunha ampla folla de ruta centrada en tres eixos: a sensibilización, a prevención e a actuación. Deste xeito, recalcou a importancia de reforzar e estender a formación para que calquera persoa poida identificar estas situacións e actuar na súa contorna.  

A isto hai que sumar, dixo, os programas que o Goberno galego leva tempo impulsando como Xuntos polo Nadal ou Benestar en Balnearios; así como a colaboración cos Colexios Oficiais de Administradores de Fincas, de Farmacéuticos e as Asociacións de Comerciantes, organismos de proximidade que son imprescindibles para sensibilizar e detectar calquera sinal de alerta.

Data de actualización: 29/09/2026