A Xunta licita por 2,2 M€ a subministración de sistemas de monitorización cardíaca con destino ás áreas sanitarias do Sergas
Este tipo de material sanitario vai destinado aos servizos de cardioloxía intervencionista e electrofisioloxía
Trátase da primeira compra centralizada deste tipo de material, que suporá un aforro para os cinco anos previstos de contrato, coas posibles prórrogas, de preto de 170.000 euros anuais
O número de unidades estimadas que se mercarán nunha anualidade é de 1.157
A monitorización electrocardiográfica ambulatoria prolongada constitúe unha ferramenta esencial para o diagnóstico de arritmias e outros trastornos do ritmo cardíaco
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 26 de outubro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
A Xunta publica, hoxe, no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por un importe de 2.224.508 euros, da subministración sucesiva de sistemas de monitorización cardíaca implantable (holter) e monitorización cardíaca externa prolongada tipo parche con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
O valor estimado do contrato, que terá unha duración de 24 meses, ascende a 5.425.920 euros, atendendo ás posibles prórrogas, por outros tres anos máis.
Trátase da primeira compra centralizada deste tipo de material, o que suporá un aforro para os cinco anos de contrato, coas posibles prórrogas, de preto de 170.000 euros anuais. Deste xeito, asegúrase o cumprimento dos principios de igualdade no acceso, equidade, calidade e sostibilidade económica en todas as áreas sanitarias deste tipo de material sanitario destinado aos servizos de cardioloxía intervencionista e electrofisioloxía.
O número de unidades estimadas que se mercarán nunha anualidade é de 1.157, das que 523 sería de holter implantable e 634 das de holter tipo parche.
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 26 de outubro para presentar as súas ofertas.
Resposta integral, eficiente e adaptada
A monitorización electrocardiográfica ambulatoria prolongada constitúe unha ferramenta esencial para o diagnóstico de arritmias e outros trastornos do ritmo cardíaco, sendo necesario dispoñer de diferentes tecnoloxías que permitan adaptar a estratexia diagnóstica ao perfil clínico do paciente e á frecuencia dos episodios.
O holter subcutáneo ou rexistrador implantable de eventos está indicado fundamentalmente en pacientes nos que se require unha monitorización electrocardiográfica prolongada para establecer a relación entre síntomas e posibles arritmias. Así mesmo, estes dispositivos permiten mellorar o rendemento diagnóstico en arritmias paroxísticas pouco frecuentes ao proporcionar un rexistro continuo durante longos períodos, facilitando a toma de decisións terapéuticas baseadas en evidencia.
O sistema de monitorización prolongada tipo parche (externo), permite a monitorización electrocardiográfica ambulatoria continua durante períodos intermedios (aproximadamente 15 días a un mes), en condicións de vida diaria do paciente. Este tipo de dispositivo supera as limitacións do holter tradicional de 24 horas baseado en gravadora, ao ampliar a fiestra de rexistro e mellorar a tolerancia e adherencia, facilitando a detección de episodios intermitentes en pacientes con sintomatoloxía non diaria.
Segundo a evidencia actual recollida en guías e consensos científicos, en pacientes con ictus criptoxénico recoméndase realizar unha monitorización prolongada do ritmo cardíaco durante ao menos 2 a 4 semanas tras o evento, especialmente cando a avaliación inicial non identifica a causa, xa que esta estratexia incrementa de xeito significativo a detección de fibrilación auricular subclínica e permite optimizar a prevención secundaria.
O ictus en Galicia presenta un elevado impacto, tanto en mortalidade como en morbilidade, situándose como unha das principais causas de morte (primeira en mulleres e segunda en homes), e destacando ademais pola súa elevada carga de enfermidade, ao ocupar posicións relevantes en anos de vida perdidos, morbilidade hospitalaria e constituír a principal causa de discapacidade permanente na idade adulta.
Neste sentido, os dispositivos implantables subcutáneos e os sistemas de monitorización prolongada externos tipo parche presentan características complementarias. A coexistencia de ambas as tecnoloxías no marco do contrato responde, polo tanto, á necesidade de cubrir todo o espectro de necesidades diagnósticas: desde monitorización prolongada de semanas ata seguimento continuo de longa duración; ata adecuar a estratexia diagnóstica á frecuencia dos síntomas optimizando o rendemento clínico da proba; reducir exploracións repetidas ou non concluíntes asociadas a monitorizacións de curta duración insuficientes; e permitir a monitorización en condicións reais de vida, mellorando a capacidade de detección de eventos clinicamente relevantes.
En consecuencia, considérase necesario incluír ambos os tipos de sistemas no presente contrato, garantindo así unha resposta integral, eficiente e adaptada á práctica clínica habitual.