O conselleiro de Sanidade, acompañado polo director xeral de Integración e Innovación Asistencial, interveu na inauguración dunha xornada na que se abordou a asistencia sanitaria integral da enfermidade inflamatoria intestinal
Gómez Caamaño salienta que Galicia é a primeira comunidade española en contar con todas as unidades de enfermidade inflamatoria intestinal certificadas como avanzadas ou excelentes
O titular de Sanidade remarca que esta certificación supón que todas as unidades galegas superaron unha avaliación externa conforme a uns estándares comúns de calidade asistencial
Agradece expresamente o traballo dos equipos multidisciplinares das sete áreas sanitarias que fixeron posible esta certificación
Incide en que a enfermidade inflamatoria intestinal require dunha atención continuada, coordinada e adaptada ás necesidades de cada paciente
Remarca que o Servizo Galego de Saúde conta cun proceso asistencial integrado, que establece un itinerario común para facilitar o diagnóstico precoz e reforzar a coordinación entre os distintos niveis asistenciais
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe que Galicia é a primeira comunidade española en contar con todas as unidades de enfermidade inflamatoria intestinal certificadas como avanzadas ou excelentes.
O titular da carteira sanitaria, acompañado polo director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, interveu na inauguración da xornada: Enfermidade Inflamatoria Intestinal. A asistencia sanitaria integral da enfermidade inflamatoria intestinal: pasado, presente e futuro.
Tal e como detallou o máximo responsable do Sergas, este proceso de certificación comezou en Ferrol en 2018 e culminou en outubro do pasado ano coa acreditación da unidade do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Gómez Caamaño remarcou que esta certificación supón que todas as unidades galegas superaron unha avaliación externa conforme a uns estándares comúns de calidade asistencial, contando Galicia con cinco unidades acreditadas co nivel excelente e dúas co nivel avanzado.
Este recoñecemento supón para o conselleiro un compromiso coa avaliación e coa mellora continua, que permite ao Sergas avanzar cara a unha atención homoxénea e de calidade en todo o territorio.
O titular de Sanidade agradeceu expresamente o traballo dos equipos multidisciplinares das sete áreas sanitarias, que fixeron posible este resultado.
Coordinación entre niveis asistenciais
No seu uso da palabra, o conselleiro incidiu en que a enfermidade inflamatoria intestinal require dunha atención continuada, coordinada e adaptada ás necesidades de cada paciente. Neste senso, o Sergas leva avanzando nesta dirección e conta cun proceso asistencial integrado implantado no ano 2023, que establece un itinerario común para facilitar o diagnóstico precoz e reforzar a coordinación entre os distintos niveis asistenciais.
O reto para o departamento sanitario galego é continuar a avanzar na investigación, na medicina personalizada e na incorporación de novas alternativas terapéuticas.
Así mesmo, outra das liñas de traballo da Consellería de Sanidade é o teleseguimento dos pacientes, a través da plataforma tecnolóxica Telea. Gómez Caamaño referiu que xa se deron os primeiros pasos cun proxecto piloto en Ferrol e, no marco desta iniciativa, agora estase a traballar con alertas a partir dos resultados das probas de laboratorio que permitan anticipar posibles complicacións.