A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa alcaldesa da localidade

A Xunta ultima as obras de mellora da estación depuradora de augas residuais de Triacastela

Esta actuación, que supuxo un investimento de máis de 450.000 euros, permitirá dar servizo a unha poboación de 600 habitantes

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, avaliaron hoxe o estado das obras de mellora da estación depuradora de augas residuais da localidade. Segundo indicou a conselleira, as obras están practicamente rematadas, polo que a previsión é proceder á súa entrega ao Concello nas vindeiras semanas.

Esta actuación, que supuxo un investimento de máis de 450.000 euros, ademais de ampliar a capacidade de depuración que tiña a EDAR, mellora o sistema, ao incluír a decantación primaria e a renovación completa de todos os equipos. O obxectivo é que teña capacidade para dar servizo a unha poboación de 600 habitantes.

Ángeles Vázquez fixo fincapé en que estas obras son exemplo da activa colaboración que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, vén mantendo cos concellos, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais.

Ademais, a conselleira incidiu en que investir neste tipo de infraestruturas hidráulicas significa mellorar os servizos públicos, ao dotar á veciñanza dun servizo de maior calidade, protexer os recursos hídricos e avanzar cara a un territorio máis sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2026