A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Valga avalían vías de colaboración en materia de augas

Abordaron a situación da depuradora xeral da localidade, así como a necesidade de construír unha nova EDAR na contorna de Carracido 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe co alcalde de Valga, José María Bello, para analizar posibles vías de colaboración entre a Xunta e o Concello en materia de augas.

En concreto, durante a reunión, abordaron a situación da depuradora xeral da localidade, así como a necesidade de construír unha nova EDAR na contorna de Carracido. En ambos casos, a conselleira trasladou ao alcalde a disposición de Augas de Galicia a colaborar co persoal municipal para buscar a mellor solución posible para optimizar a calidade do servizo que recibe a veciñanza.

No encontro, tamén avaliaron outros aspectos como o saneamento na contorna da Torroeira, na parroquia de San Miguel de Valga, onde Augas de Galicia xa ten previsto acometer unha primeira actuación que está a ser deseñada xunto coa Administración local.

Así mesmo, no marco desa aposta por ofrecer o mellor servizo posible á cidadanía, Ángeles Vázquez puxo en valor que o alcalde solicitase as axudas que convoca anualmente Augas de Galicia para auditar a rede de abastecemento -así como as destinadas a reducir infiltracións na rede de saneamento- e detectar posibles fugas ou problemas que afecten ao subministro.

A conselleira incidiu en que a Xunta mantén o seu compromiso de manter unha colaboración activa cos concellos, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2026