A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á instalación dun campamento turístico en Cuntis

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

As instalacións ocuparán unha superficie de 6.145 m2 no lugar de Vilar de Mato e constarán de catro cabanas con cadansúas piscinas anexas e seis tendas de campaña fixas sobre entarimado de madeira, así como recepción, ximnasio e aseos públicos

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para a instalación dun novo campamento de turismo dunha estrela, tipo cámping e integrado por un total de 10 construcións fixas, no concello de Cuntis, concretamente na parroquia de Cequeril.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados da súa execución sempre que se cumpran os condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia deseñado ao abeiro da iniciativa.

En canto aos detalles das instalacións, o futuro campamento turístico estará localizado no lugar de Vilar de Mato, ocupando unha superficie total de 6.145 metros cadrados. O conxunto constará de catro instalacións tipo bungalow ou cabana, con cadansúa piscina anexa, e otras seis construcións estables con formato de tenda de campaña fixa sobre entarimado de madeira.

Ademais, o proxecto complétase con tres módulos máis destinados a recepción, ximnasio e aseos públicos. Toda a parcela, na que tamén haberá unha zona de acampada e espazo reservado para os accesos interiores, estará delimitada mediante peche de madeira.

Cómpre subliñar que este informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor se someteu a participación pública sen que se recibirá ningún escrito ou alegación, ao tempo que foron consultados un total de 10 organismos.

Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; da fauna e doutros valores naturais; do patrimonio cultural, así como nos eidos da integración e restauración paisaxística e da xestión de residuos.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente elixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo —a Axencia de Turismo de Galicia— e dáselle publicidade agora mediante o correspondente anuncio no DOG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Data de actualización: 30/09/2026