A Xunta apoia a celebración do Campionato Galego de Karate cadete, junior e sub-21 e III Copa Master 2026 que terá lugar en Ferrol esta fin de semana
A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do evento que reunirá no pavillón de Esteiro a máis de 200 deportistas
Destacou o auxe que está a acadar nos últimos anos esta disciplina deportiva que conta con preto de 4.000 licenzas federativas en Galicia
Ferrol, 30 de setembro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Ferrol na presentación do Campionato Galego de Karate cadete, júnior e sub-21 e III Copa Master 2026 que terá lugar o próximo sábado 3 de outubro no pavillón de Esteiro e que conta co apoio da Xunta.
Máis de 200 deportistas de 29 clubs tomarán parte nesta competición clasificatoria para o campionato nacional e que un ano máis atraerá a un nutrido número de participantes locais dos clubs Grupo Bazán, Renbukan, Bunkai, Artes Marciais Fene, Shiai Narón, ESK Narón, Karate Club Cedeira e Casino de Ares, “o que pon de manifesto unha vez máis a gran tradición que este deporte ten na comarca de Ferrolterra”, sinalou a delegada da Xunta.
Na súa intervención, Aneiros destacou as preto de 4.000 licenzas federativas coas que conta actualmente a Federación Galega de Karate e que veñen a avalar o auxe que está a acadar esta disciplina deportiva en Galicia nos últimos anos.
Así mesmo, referiu a capacidade da comunidade de captar competicións de talla internacional como a Karate1-Series A celebrada o pasado abril na Coruña e aproveitou a ocasión para felicitar á entidade representada polo seu presidente, Óscar Lafuente, polos éxitos acadados.
A delegada da Xunta fixo especial mención ao crecemento que está a experimentar o deporte galego, con preto de 322.000 licenzas federativas ao peche de 2025 o que supoñen 2.300 máis que o ano anterior. “O deporte galego é máis amplo tamén en termos de deporte base como demostra o programa Xogade que aglutina toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces entre 6 e 16 anos, que pechaba a pasada edición con 146.622 nenos e nenas mutualizados o que supón o 66% da poboación escolar galega”, avanzou.