A Xunta destaca as preto de 300 axudas concedidas na provincia da Coruña para impulsar a innovación e a sostibilidade do comercio local e artesanal

Betanzos (A Coruña), 30 de setembro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe as tendas de roupa Freesia e El Cantón, adheridas ao Centro Comercial Aberto de Betanzos. Alí, destacou as axudas da Xunta destinadas a impulsar a innovación e a sostibilidade no comercio local e artesanal, que este ano se distribuíron entre un total de 792 establecementos de toda Galicia, cun importe próximo aos 4 M€. Entre eles, os dous visitados hoxe, integrados nos 286 apoiados na provincia da Coruña.

Alén tamén se referiu ás achegas para impulsar a actividade dos centros comerciais abertos, que este ano repartiron máis de 2,35 M€ entre 56 entidades como o CCA de Betanzos, 18 delas na provincia da Coruña cun montante global de preto de 733.000 euros. No caso betanceiro, o director xeral puxo en valor accións como a vixente campaña de outono, que deica o 13 de outubro anima a consumir no comercio local para poder gañar dous bonos de 75 €. Así mesmo, o representante autonómico mencionou apoios consolidados como o Bono Activa Comercio, iniciativa na que ambos comercios visitados hoxe teñen participado e da que está prevista este ano unha segunda edición.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2026