O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita o centro para comprobar o resultado da intervención, que contou cun investimento de 3,8 M€

Román Rodríguez destaca a rehabilitación do IES Lucus Augusti como unha obra fundamental para o futuro do instituto máis antigo de Galicia

Sinala a complexidade desta intervención polo valor patrimonial do edificio no que se atopa o centro e a necesidade de adaptalo ás necesidades educativas actuais

A actuación incluíu melloras de acústica e accesibilidade, o cambio de 242 fiestras e portas e outras accións para incrementar a impermeabilidade das instalacións

A Xunta está a investir máis de 19 M€ na renovación dos centros de ensino da cidade de Lugo ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Lugo, 30 de setembro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras de rehabilitación integral acometidas no Instituto Lucus Augusti, nas que a Xunta investiu 3,8 M€. “Estamos a falar dunha intervención fundamental para garantir o futuro do que é o instituto máis antigo de Galicia”, dixo, destacando que “centros tan senlleiros como este, que forman parte da Rede de institutos históricos da Xunta, supoñen un verdadeiro reto á hora de renovar as súas instalacións, porque son, á vez, edificios dun alto valor patrimonial”.

Nunha visita ao centro, na que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila; o titular do departamento educativo da Xunta sinalou que esta obra implicou non só o cambio de elementos como as fiestras, que esixen a colocación de materiais que sexan harmónicos co conxunto, senón tamén accións dirixidas a adecuar as instalacións ás necesidades educativas actuais. Neste sentido, acometéronse melloras como o acondicionamento acústico de todas as aulas, o illamento da de Música ou a reforma dos laboratorios, así como a mellora da accesibilidade.

“En definitiva, foi un traballo moi esixente para os técnicos, e sabemos que tamén un proceso moi complexo para a comunidade educativa do centro, pero penso que podemos sentirnos moi satisfeitos co resultado”, resumiu o conselleiro, que desexou ao Lucus Augusti “unha longa vida, de polo menos outros 184 anos formando ás próximas xeracións de galegos”, rematou.

Aforro enerxético

A rehabilitación do IES Lucus Augusti incluíu actuacións en todo o edificio. No que atinxe á eficiencia enerxética, aplicáronse 1.273 m² de sistema de illamento térmico, cambiáronse 242 fiestras e portas, colocando unhas novas de madeira, dada a protección do edificio, e instaláronse 863 luminarias led de baixo consumo, incluídas as luces de emerxencia. Grazas a estas actuacións acadouse un aforro de consumo de enerxía e de emisións dunha media do 36%.

Tamén se realizaron melloras na estanqueidade e impermeabilización na cuberta e nos muros da planta soto e renováronse as instalacións de calefacción, electricidade e de telecomunicacións. A maiores, mellorouse a rede de saneamento, o sistema antiincencios e incrementouse a accesibilidade, neste último caso coa construción de ramplas e a adaptación de percorridos.

No referido á mellora do acondicionamentos acústico, beneficiou a todas as aulas grazas á instalación de 4.629 m² de falsos teitos e ao cambio dos vidros dos ocos interiores por outros con mellores prestacións a nivel acústico. No caso da aula de música e o seu departamento, illouse e realizouse un acondicionamento acústico con bafles.

Reformas xerais no interior

Con carácter xeral, nos espazos interiores rehabilitáronse todas as portas e tabiques de madeira de castiñeiro, ademais das tarimas orixinais e os frisos da zona nobre. Tamén se substituíron os remates do peitoril por un mármore máis adecuado ao estilo xeral do edificio.

Así mesmo, acometeuse a reforma completa dos baños da zona do aulario, dos laboratorios, do salón de actos, da sala de profesores e da sala de reunión; ademais de crear un novo almacén auxiliar.  A obra incluíu, asemade, a renovación de pavimentos, revestimentos e pintura exterior e exterior, entre outras actuacións.

Máis de 19 M€ en Lugo

O conselleiro de Educación lembrou que a Xunta está a investir máis de 19 M€ na mellora dos centros educativos da cidade de Lugo ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. A obra de maior envergadura foi, precisamente, a rehabilitación integral do Instituto Lucus Augusti, aínda que tamén destacan como grandes intervencións a central de biomasa que dá servizo a varios edificios educativos e outros tamén de carácter público (2,1 M€), a construción dun novo edificio de cociñas no Instituto Sanxillao (1,8 M€) e a de novos talleres de carpintería no Centro Integrado de FP Politécnico (1,2 M€).

Así mesmo, superan o millón de euros as rehabilitacións integrais dos institutos Nosa Señora dos Ollos Grandes (1,5 M€) e Ánxel Fole (1,4 M€) e da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón (1 M€).

No que atinxe ás obras que están neste momento en execución cómpre salientar a ampliación do Instituto Muralla Romana, que conta cun orzamento de case 1,6 M€. Ademais, a Xunta vén de licitar a rehabilitación integral do Colexio Plurilingüe de Nadela por preto de 1,4 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2026