A Xunta achega 30.000 euros ao concello de Sober para renovar o alumeado público en oito núcleos

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que o proxecto inclúe a instalación de 83 novas luminarias de alta eficiencia enerxética nos Pacios, As Laxes, O Barrio, Vilastrille, A Pena de Proendos, Sober o Vello, Proendos e Vilela

Sober (Lugo), 30 de setembro de 2026

A Xunta destina 30.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) deste ano a colaborar co concello de Sober na mellora do alumeado público en oito núcleos.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, xunto co alcalde de Sober, Luis Fernández, visitou a zona para comprobar o resultado da actuación, que se levou a cabo nos lugares dos Pacios, As Laxes, O Barrio, Vilastrille, A Pena de Proendos, Sober o Vello, Proendos e Vilela.

No marco deste proxecto colocáronse 83 novas luminarias con tecnoloxía LED, de alta eficiencia enerxética, que ademais de reducir o consumo minimizan a contaminación lumínica ao ceo nocturno. Tamén se reformou a correspondente instalación asociada.

Villares enmarcou estas obras na colaboración da Xunta coas entidades locais da provincia para impulsar investimentos en servizos públicos que melloren calidade de vida da cidadanía.

Destacou as liñas específicas xestionadas pola Dirección Xeral de Administración Local, que o ano pasado achegou 35.000 euros ao Concello de Sober para mellorar a pavimentación de vías municipais en Proendos – a través da orde destinada a crear ou acondicionar infraestruturas -; e 51.500 euros a impulsar a eficiencia enerxética de edificios municipais – mediante o fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local -.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2026