Educación contará coa colaboración da asociación de docentes de matemáticas para definir o novo programa de reforzo desta materia en primaria
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa reúnese con Agapema para traballar no deseño do Avanza Matemáticas, unha das liñas que se inclúe no novo Marco galego para o impulso educativo
Santiago de Compostela, 30 setembro de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuniuse hoxe coa Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (Apagema), co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e co equipo de formación da Consellería para abordar o novo programa Avanza Matemáticas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai poñer en marcha este curso dentro do Marco galego para o impulso educativo.
A representante da Consellería recabou a colaboración dos profesionais desta asociación co fin de deseñar o programa desde o punto de vista técnico e formativo, enfocado ao reforzo das competencias clave no eido matemático para a etapa de Primaria naqueles centros que máis o precisen.
Avanza Matemáticas nace co obxectivo de crear bases sólidas para a aprendizaxe das matemáticas e, nesta liña, priorizarase a comprensión e o dominio dos conceptos básicos fronte á acumulación de contidos, incidindo especialmente no sentido numérico, o cálculo, a relación entre cantidades, o razoamento e a resolución de problemas. Neste sentido, traballarase de xeito específico na formación do profesorado en base a estes conceptos.
Este programa inxírese nun amplo paquete de medidas ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo enfocado á mellora integral e continua do sistema con medidas de reforzo centradas nas aprendizaxes clave, como son as competencias lectora e matemática; o apoio ao profesorado no seu labor docente; o impulso da igualdade de oportunidades; a mellora continua e os novos retos marcados polo avance tecnolóxico e a intelixencia artificial.