A Xunta inicia a vacinación contra a gripe e a covid en residencias e centros de discapacidade da área de Vigo

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anima á cidadanía a sumarse a campaña que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos

Vigo, 1 de outubro de 2026

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, acudiu este xoves ao Fogar e Clínica San Rafael con motivo do inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e a covid, iniciada esta semana nas residencias de maiores e de persoas con discapacidade e que se desenvolverá progresivamente entre outros colectivos ata o 31 de decembro.

Ortiz animou á cidadanía a participar na campaña que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. A representante autonómica comprobou o operativo no centro hospitalario da Orde de San Xoán de Deus, en Vigo, e explicou que o 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil, o día 19 estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios, e o 2 de novembro ás embarazadas.

A delegada puxo especialmente o foco na protección das persoas maiores, xa que este ano amplíase a vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos, polo que esta protección reforzada chegará xa a toda a poboación de 65 ou máis anos.

A Xunta parte dunhas coberturas moi elevadas, posto que na campaña anterior o 72,36% dos maiores de 65 anos vacináronse contra a gripe na nosa comunidade, fronte ao 58,47% da media de España.

No caso da vacinación dos maiores de 80 anos, a Xunta chegou ao 81,22 %, e a media do Estado foi do 64,75 %. Estas cifras representan para o conselleiro o compromiso da cidadanía e o traballo dos profesionais sanitarios.

Respecto dos obxectivos para esta campaña, agárdase chegar ao 60 % de vacinación en nenos de 6 meses a 11 anos, nas mulleres embarazadas e nos traballadores sanitarios, e ao 75 % na poboación de 60 ou máis anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2026