O delegado territorial en Pontevedra visita o cros escolar de Pontevedra
A Illa das Esculturas acolleu un cros escolar no que participaron centos de escolares de varios centros educativos da cidade
Para a actual tempada están previstas arredor de 26 xornadas de cros para centros educativos en horario lectivo e outras 7 xornadas para clubs durante as fins de semana, distribuídas por toda a provincia
Pontevedra, 1 de outubro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá a xornada de cros escolar do programa Xogade que tivo lugar na Illa das Esculturas, en Pontevedra. Alí centos de nenos e nenas de 11 centros educativos do concello participan nestas probas, que se encadran no programa de actividades de Xogade para a tempada 2026/2027 e que teñen como obxectivo fomentar a práctica deportiva entre os máis novos, especialmente no ámbito escolar.
Mañá está programada a segunda xornada deste cros no que participarán os escolares de varios centros de Pontevedra e Poio. A programación do cros escolar continuará durante os meses de outubro e novembro con xornadas zonais para centros educativos e clubs, antes de pechar a competición co Campionato Provincial previsto para decembro.
Na provincia de Pontevedra, o programa Xogade contou na tempada 2025/2026 con arredor de 60.000 rapazas e rapaces inscritos a través de centros educativos e clubs, que sumaron preto de 102.000 participacións nas distintas modalidades deportivas. No caso concreto do cros escolar, a participación non deixou de medrar nos últimos anos, pasando dos 21.000 escolares da tempada 2023/2024 aos 24.000 da 2024/2025 e acadando os 25.000 na pasada campaña, a cifra máis alta dos últimos anos en horario lectivo.
Para a actual tempada están previstas arredor de 26 xornadas de cros para centros educativos en horario lectivo e outras 7 xornadas para clubs durante as fins de semana, distribuídas por toda a provincia. Estas actividades son coordinadas polo Servizo Provincial de Deportes xunto coas Agrupacións Deportivas Escolares, que organizan as diferentes probas nos concellos das súas respectivas áreas de influencia.