Na feira Orticolario que se celebra en Cernobbio (Italia) ata o vindeiro domingo 4 de outubro

Turismo de Galicia promove en Italia o turismo premium vencellado ao patrimonio da Ruta da Camelia

O director de Turismo de Galicia mantén en Italia varios encontros con turoperadores, xornalistas e creadores de contido especializados en turismo de natureza

Galicia participa en Orticolario cun stand propio de 90 metros cadrados que inclúe entre outras experiencias, un salón de té de camelia

Cernobbio (Italia), 1 de outubro de 2026

Turismo de Galicia está a participar desde este xoves ata o vindeiro domingo, 4 de outubro en Orticolario, a feira europea de referencia en paisaxismo, deseño de xardíns e cultura botánica, cun espazo inmersivo de 90 metros cadrados, que inclúe a recreación dun salón de té de camelia. O director de Turismo de Galicia asistiu este tarde á inauguración da feira no marco da que manterá varios encontros de traballo con turoperadores, xornalistas e  creadores de contidos interesados nas propostas de turismo de natureza co fin de promocionar o turismo Premium relacionado cos recursos patrimoniais da ruta da camelia, impulsada pola Xunta.

O director de Turismo de Galicia subliñou que a presenza en Orticolario sirve tamén para reforzar a promoción de Galicia en Italia, un mercado que representa o 8,2% do total das noites de turismo internacional na comunidade galega. Precisamente, nos oito primeiros meses do ano, o número de viaxeiros italianos aloxados en Galicia aumentou un 33% respecto ao mesmo período de 2025, ata alcanzar os 112.000 viaxeiros, mentres que as noites creceron un 25%, superando as 161.000 noites.

“Italia é o terceiro mercado internacional en número de visitantes a Galicia nos oito primeiros meses deste ano”, sinalou Xosé Merelles, lembrando que tamén está a experimentar un importante incremento en número de peregrinos italianos que fixeron o Camiño ata a actualidade, en concreto, uns 40.000 italianos. “Son turistas que viaxan maioritariamente a Galicia por ocio ou vacacións, pero que tamén se moven por negocios e polo Camiño de Santiago”, afirmou.

Precisamente, co obxectivo de dar a coñecer o destino en Italia e moi especialmente en Orticolario, o espazo galego presente na feira, duns 90 metros cadrados, foi concibido como unha experiencia inmersiva na que a escenografía recrea o interior dun antigo pazo abandonado no que a vexetación se abre paso entre os muros e a pedra, para transmitir que en Galicia patrimonio e xardín son unha soa cousa. A proposta busca espertar a curiosidade dun público experto cunha lectura artística e sensorial da paisaxe galega, máis próxima á emoción que ao folleto turístico.

Ao longo destes catro días, Turismo de Galicia amosará o potencial do destino a partir da promoción dos bosques atlánticos de gran valor ecolóxico, espazos naturais protexidos, xardíns históricos vinculados aos pazos e unha tradición hortícola e botánica de séculos. Neste relato ten un lugar propio a Ruta da Camelia, que convida a descubrir a comunidade de xardín en xardín e de pazo en pazo, e que gañará aínda máis forza de cara ao Xacobeo 27.

Así, arredor da instalación central, varias áreas de información turística amosarán a oferta galega: patrimonio natural e cultural, xardíns históricos, camelia, rutas paisaxísticas, gastronomía e un modelo de turismo sostible que se vive os doce meses do ano.

A artesanía terá tamén protagonismo. Unha artesá galega especializada na flor de papel realizará demostracións en directo durante toda a feira, ofrecerá como recordo camelias convertidas en broches feitos á man e impartirá dous obradoiros participativos para compoñer pequenos ramos de flores de papel.

O 'Invernadoiro', un salón de té que evoca a hospitalidade dos pazos, ofrecerá degustacións de infusións elaboradas con camelia de Galicia acompañadas de doces tradicionais galegos.

Nas súas últimas edicións, Orticolario reuniu máis de 250 expositores de toda Italia e doutros países europeos. Recibe un público que combina profesionais do paisaxismo con viaxeiros e afeccionados, cada vez máis deles procedentes de fóra de Italia, cun perfil esixente, sensible á calidade e con elevado poder adquisitivo. É, polo tanto, un escaparate idóneo para un destino que basea a súa proposta na autenticidade, o sosego e a excelencia, valores que sintetiza a marca Galicia Calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2026