A maior retrospectiva internacional sobre o primeiro cine español exhibe en Italia ‘Miss Ledyia’ coa colaboración da filmoteca de Galicia
Trátase da máis antiga das películas de ficción rodadas en Galicia de todas as que se conservan, na que ten un pequeno papel Castelao
Proxectarase o 7 de outubro na 45ª edición de Le Giornate do Cinema Muto da localidade italiana de Pordenone, cita de referencia mundial no cine mudo
A cinemateca da Xunta participa xunto cunha ducia de filmotecas, arquivos e institucións de toda España dedicadas á conservación e difusión do patrimonio audiovisual
A Coruña, 4 de outubro de 2026
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa a presenza da Filmoteca de Galicia como unha das entidades colaboradoras no desenvolvemento da maior retrospectiva internacional sobre o primeiro cine español, que se poderá ver desde mañá, 5 de outubro, ata o día 8 deste mes no marco da 45ª edición de Le giornate del Cinema Muto, festival de referencia mundial na difusión do cine mudo. En concreto, a cinemateca da Xunta de Galicia facilitou a exhibición neste foco de Miss Ledyia, rodada en 1916 por José Gil e considerada a primeira película de ficción galega.
A fita, que se proxectará o vindeiro día 7, integra xunto a outras 62 obras cinematográficas esta primeira escolma dedicada ás orixes do cine en España, consensuada entre todas as filmotecas participantes co fin de ofrecer un percorrido polo período comprendido entre 1896 e 1916 desde unha ampla perspectiva territorial e temática.
O proxecto, que implica unha ducia de filmotecas, arquivos e institucións de toda España, busca poñer en valor ante unha audiencia internacional un patrimonio fundamental para comprender o nacemento da cultura cinematográfica, ademais de subliñar a importancia do traballo colaborativo entre estas entidades na preservación, estudo e difusión da historia do cinema.
Ademais da Filmoteca de Galicia, participan nesta retrospectiva Filmoteca Valenciana, Filmoteca Canaria, Arxiu del So i de la Imatge de Mallorca, Filmoteca de Zaragoza, Nafarroako Filmoteka/Filmoteca de Navarra, Filmoteca de Andalucía, Euskadiko Filmategia/Filmoteca Vasca, Museu del Cinema de Girona-Col·lecció Tomàs Mallol, Biblioteca de Catalunya, Filmoteca de Catalunya e Filmoteca Española.
Primeira ficción galega
Miss Ledyia, a máis antiga das películas de ficción rodadas en Galicia de todas as que se conservan e na que Castelao ten un pequeno papel como actor, é unha das fitas atesouradas pola Filmoteca de Galicia como principal centro garante da memoria audiovisual galega a través da preservación e difusión do noso patrimonio fílmico.
Na actualidade, conserva arredor de 15.500 copias de materiais cinematográficos (unhas 3500 películas) e videográficos (máis de 12.000 fitas) con títulos que datan desde 1913. Tamén garda unha ampla colección de carteis cinematográficos que acada as 11.000 unidades e un fondo fotográfico con máis de 60.000 rexistros.