A Xunta inicia o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial a cetraría
O expediente recoñece o seus valores históricos, culturais e sociais de carácter sobranceiro, que transcenden amplamente o ámbito deportivo ou recreativo
O Diario Oficial de Galicia publica a incoación, o que supón a aplicación de medidas inmediatas de salvagarda desta actividade con fins públicos e usos terapéuticos
A proposta deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses e reflicte o compromiso do Goberno galego en protexer o patrimonio máis senlleiro da Comunidade
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o expediente de incoación para declarar Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial a cetraría polo seu valor sobranceiro. Este procedemento ten un prazo de tramitación máximo de dous anos e implica que, de carácter inmediato, xa se poden comezar a executar medidas de salvagarda desta actividade que, desde 2010, conta co recoñecemento de valor cultura universal por parte da Unesco.
O expediente elaborado polos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta que concorren dunha maneira fundada un conxunto de valores históricos, culturais e sociais suficientemente acreditados pola investigación científica. Neste senso, indica que así o acreditan os dous informes favorables e motivados, que son necesarios para iniciar este procedemento e que, neste caso, foron emitidos pola Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.
Precisamente, neste expediente administrativo faise fincapé en que poucas manifestacións da cultura europea presentan unha continuidade histórica tan prolongada como a cetraría, que consiste en criar, domesticar e adestrar aves rapaces para cazar animais libres no seu medio natural. Trátase dunha arte de caza que se remonta a uns 4.000 anos atrás e cuxa práctica e coñecementos foron transmitidos de xeración en xeración ata a actualidade.
Nesta liña, na documentación achegada para a incoación destácase que a documentación histórica dispoñible reflicte que esta práctica formou parte da cultura da nobreza galega durante a Idade Media e que se inseriu plenamente nas formas de vida propias e deixou unha pegada perceptible no patrimonio histórico galego.
Finalidade pública e uso terapéutico
A maiores, o expediente pon en valor como, na actualidade, a cetraría conta cunha finalidade pública e de interese social en aeroportos, patrimonio inmobiliario monumental, espazos públicos o cultivos. En concreto, refírese ao feito de que supón un extraordinario método de control biolóxico para moitas especies que, nun momento determinado, poden resultar prexudiciais. Nesta liña, tamén enxalza o seu uso pedagóxico e terapéutico orientado a persoas con sensibilidades especiais.
De igual xeito, o informe salienta a existencia en Galicia dunha comunidade portadora, organizada en asociacións e entidades, que desenvolven unha notable actividade de formación, divulgación e salvagarda desta tradición. A través delas, mantense a transmisión de técnicas tradicionais, favorécese a aprendizaxe de novos cetreiros e promóvese o coñecemento público dunha práctica cuxa dimensión cultural transcende amplamente o ámbito deportivo ou recreativo.
O inicio deste expediente reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio senlleiro da nosa Comunidade. Así o demostran o número bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 799 na actualidade.