A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co alcalde de Lalín, José Crespo, o acordo desta nova cesión de solo municipal

A Xunta construirá outras 15 vivendas públicas en Lalín, nunha parcela na rúa Fontesanguiña, cedida polo Concello

Allegue avanzou que o luns se licitará nun mesmo contrato a redacción do proxecto, a dirección e a execución das obras destes novos fogares, por un orzamento de 3,5M€

A licitación primará o uso de técnicas industrializadas na construción do inmoble, un sistema polo que a Xunta aposta porque acurta tempos e é máis sostible e seguro

Esta cesión de solo súmase a outra asinada o ano pasado co Concello de Lalín para construír 17 vivendas públicas, cuxas obras están adxudicadas e comezarán en breve

A conselleira agradeceu ao Concello a súa cooperación coa cesión gratuita de parcelas, pois permitirá ao Goberno galego construír un total de 32 fogares en Lalín, que serán unha realidade no ano 2028

Lembrou que estes fogares se destinarán ás persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda, que estean empadroadas ou traballen no concello de Lalín

Lalín (Pontevedra), 3 de outubro de 2026

A Xunta construirá 15 novas vivendas públicas en Lalín, nunha parcela na rúa Fontesanguiña, cedida polo Concello. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co alcalde de Lalín, José Crespo, o acordo desta nova cesión de solo municipal.

Allegue lembrou que o pasado luns se aprobou esta actuación no Consello da Xunta e o vindeiro luns o Goberno galego licitará nun mesmo contrato a redacción do proxecto, a dirección e a execución das obras destes novos fogares, por un orzamento de 3,5M€.

As empresas interesadas en acometer esta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de decembro.

Salientou que este contrato exixirá unha porcentaxe mínima do uso de técnicas industrializadas na construción do inmoble. Destacou que a Xunta está a apostar por este sistema porque permite acurtar tempos na execución, atalla o problema de falta de man de obra, ademais de ser máis sostible e seguro.

Lembrou que estas vivendas se destinarán, mediante sorteo, ás persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda, que estean empadroadas ou traballen no concello de Lalín.

A conselleira recordou que o acordo hoxe firmado é a segunda colaboración en vivenda co Concello de Lalín, xa que hai algo máis dun ano se asinou outra cesión de solo para construír outras 17 vivendas. As obras para este inmoble xa están adxudicadas e prevese que comezarán en breve.

Agradeceu ao Concello a cooperación que está amosando no ámbito da vivenda, pois permitirá que o Goberno galego poida construír un total de 32 fogares de promoción pública en Lalín, que serán unha realidade no ano 2028.

O Executivo autonómico avanza así no seu compromiso de duplicar o parque de vivenda pública no período 2024-2028 para chegar ás 8.000, coa previsión do Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030 de acadar as 10.000 no ano 2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2026