Rueda trasládalle ao embaixador británico a fortaleza dos lazos comerciais de Galicia co Reino Unido
O presidente da Xunta mantivo un encontro co embaixador Alex Ellis no marco do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, onde puxo en valor a posición de Galicia como un socio industrial e comercial fiable e competitivo no contexto europeo e internacional
Ambos repasaron as oportunidades de cooperación económica e industrial en sectores estratéxicos para o tecido produtivo galego como a automoción ou as enerxías renovables
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo estes días unha reunión institucional co embaixador do Reino Unido en España, Alex Ellis, onde o presidente galego destacou a solidez dos intercambios económicos bilaterais, que manteñen un saldo positivo constante para a comunidade autónoma.
O encontro, celebrado no Grove no marco do Foro La Toja-Vínculo Atlántico e no que tamén participou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, serviu para que ambas partes intercambiaran impresións sobre a situación xeopolítica actual e repasaron as relacións comerciais entre Galicia e o Reino Unido. Neste sentido, Rueda puxo en valor a posición de Galicia como un socio industrial e comercial fiable e competitivo no contexto europeo e internacional actual.
Así mesmo, repasaron as oportunidades de cooperación económica e industrial en sectores estratéxicos para o tecido produtivo galego, como a automoción e compoñentes, o ámbito agroalimentario, a industria naval, as enerxías renovables e a biotecnoloxía.
Coa mirada posta xa no Xacobeo 2027, o presidente da Xunta e o embaixador abordaron os profundos vínculos culturais e turísticos que unen ambos territorios a través do Camiño de Santiago. Rueda destacou que os peregrinos estranxeiros representan xa a maioría dos camiñantes que chegan a Compostela, sendo o Reino Unido o sexto país de procedencia —con máis de 13.000 compostelas rexistradas no que vai de ano—. Así, o presidente autonómico convidou a aproveitar o Ano Santo para seguir estreitando lazos e acollendo a miles de visitantes procedentes das illas británicas.