Esta ruta xacobea con máis de 100.000 peregrinos no que vai de ano, medrou un 13% con respecto ao mesmo período de 2025
A Xunta promove en Tui un coloquio internacional de expertos sobre o Camiño Portugués que medra cinco puntos por riba da media no que vai de ano
O director de Turismo de Galicia presentou a cita que terá lugar os vindeiros 5 e 6 de novembro que afondará nesta ruta que está adquirir un maior protagonismo no fenómeno xacobeo internacional
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026
Tui acollerá o vindeiro 5 e 6 de novembro o coloquio internacional ‘O Camiño Portugués. Pasado, presente e futuro dunha singular ruta xacobea’. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, hoxe no Centro Internacional de Recepción de Peregrinos, en Santiago de Compostela, durante a presentación do encontro que reunirá investigadores, estudosos de universidades de Galicia e Portugal, hospitaleiros, representantes das asociacións de Amigos do Camiño e especialistas de diferentes ámbitos do coñecemento.
A cita está impulsada pola Xunta de Galicia, baixo a coordinación do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, e constitúe unha das actividades desenvolvidas no marco deste órgano, principal referencia científica internacional da Xunta en materia xacobea.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou que o coloquio permitirá afondar no coñecemento dunha ruta que está a adquirir cada vez maior protagonismo no fenómeno xacobeo internacional. “O Camiño Portugués é unha ruta cunha identidade propia, cunha longa historia e cun enorme potencial de futuro. Este coloquio permitirá analizar o seu pasado e o seu presente, pero tamén anticipar os retos que temos por diante para garantir unha xestión baseada no coñecemento, na conservación do patrimonio e na calidade da experiencia peregrina”, afirmou.
A evolución recente do Camiño Portugués confirma a súa crecente relevancia, cun ritmo de crecemento na actualidade, cinco puntos. No que vai de ano, máis de 100.000 peregrinos percorreron o Camiño Portugués, un 13% máis, dos que 65.172 foron estranxeiros, o 65%. Entre os mercados internacionais destacan Portugal, cun 11%, Italia, cun 8,4%, e Estados Unidos, cun 7,7%.
No conxunto do Camiño de Santiago, máis de 500.000 peregrinos recolleron a Compostela no que vai de 2026, un 8% máis que no mesmo período de 2025.
Durante as dúas xornadas, as sesións abordarán diferentes dimensións do itinerario, desde a súa historia e patrimonio artístico ata o seu desenvolvemento económico e a evolución da ruta e da hospitalidade xacobea. Terá unha especial presenza a catedral de Tui, coincidindo co seu 800 aniversario, así como a evolución e as perspectivas de futuro do Camiño Portugués en Portugal e Galicia.
O programa permitirá tamén analizar o papel da hospitalidade xacobea como manifestación representativa do patrimonio cultural intanxible e as posibilidades de crecemento desta práctica ao longo do Camiño Portugués.
Papel histórico de Tui
A celebración do coloquio en Tui pretende poñer de relevo o papel histórico e actual da cidade como punto de conexión do Camiño Portugués e como enclave fundamental na relación entre Galicia e Portugal.
“Tui é un lugar especialmente axeitado para falar do Camiño Portugués, tanto pola súa historia como pola súa posición estratéxica na conexión entre Galicia e Portugal. O paso de peregrinos por esta cidade forma parte dunha historia secular que continúa hoxe con máis forza e cunha dimensión internacional cada vez maior”, sinalou Xosé Merelles.
O coloquio celébrase nun momento especialmente relevante, na antesala do Xacobeo 2027, e enmárcase nos obxectivos establecidos no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, dotado con 141,5 millóns de euros, que inclúe preto dun cento de accións destinadas á conservación, investigación e posta en valor das rutas xacobeas.
Os interesados/as poden inscribirse no enderezo electrónico coloquio.camino.portugues@xunta.gal