O museo en Camiño leva o patrimonio do Museo de Pontevedra ás aulas de cinco concellos do Camiño Portugués

A iniciativa propón unha viaxe con réplicas de pezas destacadas do Museo de Pontevedra nos concellos de Catoira, Cesantes, Barro, Pontecesures e Pontesampaio

O comisario do Xacobeo 2027 destaca da iniciativa o valor de achegar o patrimonio cultural como eixo vertebrador do Camiño

Esta é a terceira edición dun proxecto consolidado logo de celebrarse tamén en 2021 e 2022

Pontevedra, 5 de outubro de 2026

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou hoxe na presentación de O museo en Camiño. Unha nova viaxe, proxecto que forma parte do programa O Teu Xacobeo e que achegará a escolares de cinco concellos polos que pasa o Camiño Portugués, pezas destacadas do Museo Pontevedra coas que difundir, ademais, os valores do Camiño. Gómez Román estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e pola arquitecta África Martínez, de Taller Abierto, organización coordinadora do proxecto.

O museo en Camiño convértese nunha experiencia didáctica itinerante a través dunha maleta viaxeira que conectará historia e patrimonio en centros de educación primaria de Catoira -onde arranca o vindeiro 13 de outubro-, Cesantes, Barro, Pontecesures e Pontesampaio, nos que o alumnado poderá explorar conceptos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio material e inmaterial a través da expresión plástica, a aprendizaxe por descubrimento e o debate.

Segundo Gómez Román, a iniciativa remarca “o valor de achegar o patrimonio cultural como eixo vetebrador do Camiño”. O feito de que sexan escolares, e as súas familias, os receptores desta iniciativa reforza a importancia do proxecto ao permitir que “descubran o vínculo das súas localidades coa ruta xacobea”. Ao mesmo tempo, o proxecto pretende espertar o interese pola arte e favorecer a valoración do patrimonio artístico máis próximo.

O comisario referiuse tamén ao espírito desta iniciativa como exemplo do programa O Teu Xacobeo no que caben proxectos de todos os tamaños e que, neste caso, é capaz de partir dunha idea grande, como son os fondos museísticos da institución pontevedresa e adaptala a un espazo pequeno, como é unha maleta; para achegala á aula. Esta é a súa terceira edición logo de celebrarse tamén en 2021 e 2022.

Ademais dos obradoiros en centros educativos, a acción complétase con dúas actividades máis  dirixidas ao público familiar no Museo de Pontevedra os días 31 de outubro e 14 de novembro. Eses días, co fin de favorecer o intercambio entre xeracións, a iniciativa convida  aos nenos e nenas a acudir acompañados dunha persoa adulta, coa posibilidade de compartir a experiencia cos seus avós e avoas.

O museo en Camiño é un dos 55 proxectos activos ata o 30 de novembro dentro de O teu Xacobeo con axudas por importe de 1M€. Ata o 31 de outubro está aberto o prazo para participar na convocatoria de 2027, cun investimento de 2M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2026