Turismo de Galicia pecha temporalmente o albergue de peregrinos de Betanzos para acometer melloras nas súas instalacións de cara ao Xacobeo 2027
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026
Turismo de Galicia acordou o peche temporal do Albergue de Peregrinos ‘Casa da Pescadería’ de Betanzos, co obxectivo de acometer actuacións de mellora das súas instalacións e garantir un espazo máis confortable e seguro para os peregrinos. Esta intervención forma parte do traballo que está a desenvolver a Xunta para preparar a rede pública de albergues ante o incremento da afluencia prevista para o vindeiro ano.
De cara ao Xacobeo 2027, Turismo de Galicia continúa avanzando na adecuación dos espazos destinados á acollida dos peregrinos, coa finalidade de ofrecer unha rede de albergues cada vez máis adaptada ás necesidades dos usuarios. Neste marco, o albergue de Betanzos será obxecto dos traballos de acondicionamento necesarios para garantir o seu correcto funcionamento e ofrecer unha mellor experiencia de acollida. A previsión é que o albergue retome a súa actividade unha vez rematen estes traballos.