A Xunta activa hoxe a alerta laranxa por chuvia no interior da Coruña e no centro e montaña de Lugo

Suspéndense as actividades escolares no exterior, desde as 15 horas, e a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior, nos concellos afectados polo fenómeno meteorolóxico adverso

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026

A Xunta activou para hoxe a alerta laranxa por chuvias no interior da provincia da Coruña e no centro e montaña de Lugo. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa por chuvia actívase desde primeiras horas da tarde por precipitación acumulada que pode acadar os 30 mm nunha hora.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Debido a este fenómeno meteorolóxico adverso, a Comisión Escolar de Alertas acordou a suspensión da actividade no exterior, desde as 15,00h de hoxe ata as 00,00 h. de mañá, nos centros  educativos e as escolas infantís comprendidos nas zonas do interior da Coruña, centro e montaña de Lugo, que comprenden un total de 74 concellos.

Os concellos afectados pola suspensión de actividades escolares no exterior son, na zona do interior da Coruña: Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar.

O centro de Lugo abrangue os concellos de Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, Pastoriza, Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba e Xermade.

Suspensión da actividade deportiva

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva do programa Xogade e federada no exterior, nas zonas afectadas pola alerta meteorolóxica. Os concellos afectados e os horarios de vixencia da alerta pódense consultar na web Deporte Galego.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 06/10/2026