Galicia aposta por reforzar o papel das rexións costeiras na nova estratexia industrial marítima da UE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da Comisión ECON do Comité Europeo das Rexións, celebrada en Galway no marco da presidencia irlandesa do Consello da UE

Galicia leva a voz das rexións marítimas ao debate sobre o futuro da industria naval europea

Galway (Irlanda), 6 de outubro de 2026

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión de Política Económica (ECON) do Comité Europeo das Rexións, na que se aprobou o ditame sobre a Estratexia Industrial Marítima da UE. Esta iniciativa, presentada pola Comisión Europea en marzo de 2026, pretende reforzar a competitividade, a sustentabilidade e a autonomía estratéxica do sector marítimo europeo.

Durante o debate, Galicia trasladou o seu apoio á iniciativa europea e destacou a importancia de que as rexións e entidades locais participen de maneira efectiva na súa aplicación. Neste contexto, Gamallo advertiu que o éxito da estratexia dependerá de combinar a ambición industrial europea cunha verdadeira gobernanza multinivel.

O director xeral puxo en valor a posición de Galicia como rexión marítima de referencia, destacando a capacidade do sector para integrar estaleiros, industria auxiliar, centros tecnolóxicos e administracións nun ecosistema innovador e competitivo.

Galicia tamén reclamou máis financiamento europeo para impulsar a modernización dos portos e da industria marítima e reducir as trabas administrativas aos investimentos. Ademais, apostou por que a futura Alianza das Cadeas de Valor Industriais Marítimas da UE dea voz ás rexións, aos clústeres e ás pemes, claves para a competitividade do sector.

A axenda da Comisión ECON incluíu tamén outros expedientes de relevancia para a competitividade europea, como o ditame sobre o Regulamento de Chips 2.0 e o documento de traballo relativo á futura Lei de desenvolvemento da computación na nube e a intelixencia artificial, dúas iniciativas estratéxicas para reforzar a capacidade tecnolóxica e industrial da Unión Europea.

Comisión ECON

No mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación coa política económica, industrial e comercial comunitaria.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2026