A Xunta licita por máis de 1,4 M€ a ampliación da sala de resonancia magnética do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
O novo espazo quedará integrado na unidade de resonancia existente e incorporará novos espazos entre os que se inclúen despachos de informes, salas técnicas e unha zona de recuperación, entre outros
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o 2 de novembro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026
A Xunta vén de publicar no Portal de contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 1.461.459 euros, da ampliación da unidade de resonancia magnética do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, á que se incorporará unha nova sala que quedará integrada coa existente.
De acordo co programa funcional previsto, o proxecto inclúe catro despachos de informes, unha sala de resonancia magnética, sala técnica, zona de recuperación, área de control, tres cabinas, así como senllos aseos para persoal sanitario e pacientes.
A solución proxectada busca optimizar a funcionalidade asistencial, reducir os percorridos interiores, compatibilizar a nova unidade co funcionamento do hospital e resolver as condicións técnicas propias dunha sala de resonancia magnética.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o 2 de novembro para presentar as súas ofertas.