A Xunta licita por 2,36 M€ a subministración de equipamento TIC para 1.700 postos de traballo do hospital Novo Montecelo

O contrato abrangue o subministro, instalación e posta en marcha do equipamento informático

O contrato terá unha duración de 12 meses

O material inclúe ordenadores de mesa, pantallas, cámaras web, teclados, ratos e outros elementos, así como as licenzas e o software necesarios para o seu funcionamento

O prazo para a presentación de ofertas remata o 6 de novembro ás 14,00 horas

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 2.365.550,01 euros, da subministración de novo equipamento TIC para 1.700 postos de traballo do persoal do Hospital Novo Montecelo.

O contrato terá unha duración de 12 meses desde a súa data de inicio, sen posibilidade de prórroga.

O equipamento previsto inclúe ordenadores de mesa, pantallas e consolas, cámaras web, teclados, ratos e outros elementos, así como os compoñentes necesarios para o correcto funcionamento dos equipos, entre eles, o procesador, a placa base, a tarxeta de son, a memoria RAM e o disco duro.

O subministro incorpora tamén as licenzas necesarias e a instalación inicial do software, co sistema operativo Microsoft Windows 11 Pro con licenza nativa. Antes da distribución nos distintos centros, o Servizo Galego de Saúde realizará a verificación do correcto funcionamento dos equipos.

As empresas interesadas en participar no procedemento poderán presentar as súas ofertas ata o 6 de novembro ás 14.00 horas.

Data de actualización: 07/10/2026