A Xunta e Doapesca avanzan na cooperación entre Galicia e Portugal para afrontar os retos comúns do sector pesqueiros

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo en Conxemar un encontro co presidente da empresa pública portuguesa de portos e lonxas, Afonso Oliveira

A reunión permitiu compartir experiencias en dixitalización, sistemas de poxa electrónica, rastrexabilidade, seguridade alimentaria e xestión portuaria

Vigo, 7 de outubro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe, na feira Conxemar, unha reunión co presidente de Docapesca-Portos e Lotas, Afonso Oliveira, na que ambas partes abordaron novas vías para reforzar a cooperación entre Galicia e Portugal no ámbito pesqueiro e portuario. No encontro participaron tamén a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana.

A reunión serviu para trocar experiencias sobre os respectivos modelos de xestión e analizar ámbitos nos que Galicia e Portugal afrontan retos comúns. Entre eles figuran a modernización dos mercados de primeira venda, a implantación de ferramentas dixitais, a transparencia dos prezos, a trazabilidade dos produtos pesqueiros e a seguridade alimentaria. Neste marco, abordáronse tanto a experiencia galega na xestión de datos pesqueiros como o sistema portugués de poxa a distancia Leilão Online.

Villaverde puxo en valor a importancia de manter unha interlocución permanente entre territorios cunha estreita vinculación económica, social e pesqueira, favorecendo o intercambio de coñecemento e de solucións que permitan mellorar a competitividade e eficiencia da cadea mar-industria. O encontro enmárcase así nunha cooperación orientada á modernización tecnolóxica e ao fortalecemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A reunión permitiu tamén compartir boas prácticas en materia de xestión de residuos, eficiencia enerxética e modernización das instalacións portuarias. As partes analizaron medidas vinculadas á optimización do consumo enerxético das lonxas e instalacións frigoríficas, así como á mellora da recollida de residuos mariños e subprodutos da actividade pesqueira.

Docapesca é a empresa pública portuguesa encargada da xestión dos portos pesqueiros e da organización da primeira venda de peixe no litoral continental do país. A entidade xestiona máis de vinte portos pesqueiros e unha rede superior ás 70 lonxas e postos de venda, distribuídos en cinco delegacións rexionais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 07/10/2026