A Xunta destaca en Conxemar o papel dos plans de produción e as iniciativas de divulgación para o fomento do consumo de peixe

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou no showcooking ‘A cociña que coida’ organizado por Opromar no recinto feiral de Vigo

A iniciativa da OPP-08 achegou ao público preparacións sinxelas e saudables baseadas na pescada e na sardiña, incidindo no seu valor nutricional e na súa versatilidade para os fogares

O sector abordou os hábitos de consumo na comunidade, onde a demanda per cápita sitúase como a segunda máis alta de España e preto de cinco quilos por riba da media estatal

Vigo, 7 de outubro de 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou este mediodía no escenario Conxemar, no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), no showcooking ‘A cociña que coida’, promovido pola Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Marín (Opromar, OPP-08) no marco da 27ª Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados. Durante a demostración culinaria abordouse a función que desenvolven os plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros para dar resposta ás tendencias actuais de compra e achegar o produto á poboación.

A actividade organizada por Opromar centrouse en amosar fórmulas culinarias prácticas orientadas ao ámbito familiar, tendo como especies centrais a pescada e a sardiña. No transcurso do acto púxose o foco nas propiedades nutricionais de ambas as dúas especies -como a presenza de ácidos graxos omega-3, minerais e proteínas-, así como na súa accesibilidade no mercado e na facilidade para a súa incorporación aos menús cotiáns.

Neste ámbito, lembrouse o marco de financiamento que proporciona o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) aos plans de produción das organizacións de produtores, concibidos como ferramentas para optimizar a comercialización, mellorar a xestión das capturas e adaptar a oferta aos requirimentos da demanda.

Así mesmo, repasáronse os datos oficiais de comercialización e hábitos alimentarios recollidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que reflicten un comportamento singular en Galicia fronte á evolución xeral do conxunto de España. Segundo o último informe ministerial, o consumo de peixe e marisco na comunidade situouse no ano 2025 en 22,97 quilos por habitante, cun volume de demanda que acadou as 63.770 toneladas. Con estas cifras, Galicia rexistra o segundo nivel de consumo de produtos pesqueiros máis elevado do Estado, superando en preto de cinco quilos por persoa a media estatal, fixada nos 17,80 quilos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 07/10/2026