O titular de Sanidade respondeu no Parlamento de Galicia a unha interpelación sobre a situación das obras que se desenvolven neste centro hospitalario

Gómez Caamaño informa do avance do Plan Director do Complexo hospitalario universitario de Ourense, que contará cun edificio de 12 plantas e un novo materno-infantil

O Hospital de Ourense dispón desde hai pouco dunha nova Unidade de Coidados Intensivos, unha Unidade de Ictus e unha nova Unidade de Medicina Nuclear

A ampliación e reforma do Hospital de Ourense forma parte dun proceso de renovación das infraestruturas sanitarias, que inclúe os hospitais comarcais e os centros de atención primaria

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, informou esta mañá no Parlamento de Galicia do avance das obras do Plan Director do Complexo hospitalario universitario de Ourense, que culminarán cun edificio de hospitalización de 12 plantas e un novo materno infantil, mentres se implementan servizos.

En resposta a unha interpelación sobre a situación das obras que se están a desenvolver neste centro hospitalario, o responsable autonómico explicou que os traballos xa levados a cabo en actuacións previas posibilitaron nos últimos anos a dotación dun novo edificio de hospitalización de máis de 52.000 metros cadrados, unha nova Unidade de Coidados Intensivos (UCI), dunha nova Unidade de Ictus, e tamén dunha nova Unidade de Medicina Nuclear, novos servizos que amplían e modernizan a capacidade asistencial da provincia.

A estas actuacións cause sumar proximamente o novo edificio de hospitalización de doce plantas, que está en construción e que se prevé que entre en funcionamento no primeiro semestre de 2027; e a substitución completa do actual Materno-Infantil por outro edificio novo, que está planificada.

Ademais, a provincia de Ourense está inmersa nun proceso de renovación progresivo e continuo das súa infraestruturas sanitarias, que tamén inclúe os hospitais comarcais e os centros de saúde. Como exemplos, está a ampliación do servizo de Urxencias do Hospital Público de Verín ou a área de consultas externas do Hospital Comarcal de Valdeorras.

As melloras nas infraestruturas sanitarias tamén acadan os servizos de atención primaria da provincia, estando en execución os centros de saúde da Rúa, Muíños e Boborás, e prevista a construción dos novos centros integrais de saúde do Carballiño e de Ourense.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2026