O presidente da Xunta participou no 48º Congreso Nacional da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen)
Rueda destaca o papel fundamental dos médicos de familia e aposta por reforzar a atención primaria
Recorda que Galicia vén de presentar un Plan de reforma deste nivel asistencial que inclúe melloras para pacientes e profesionais
Salienta os esforzos do Goberno galego por formar e reter persoal nun contexto xeral de déficit de profesionais en determinadas especialidades
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o papel fundamental dos médicos de familia á hora de manter un sistema sanitario avanzado e de calidade. Por iso, apostou por seguir reforzando a atención primaria, en tanto constitúe o primeiro nivel asistencial e o que vertebra o resto do sistema.
Así o expuxo esta tarde durante a súa participación no 48º Congreso Nacional da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen), que estes días se está celebrando en Santiago de Compostela. No acto estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
Rueda fixo fincapé na atención integral e para toda a vida que ofrecen os médicos de familia, que exercen un rol chave nos ámbitos da prevención, do seguimento, do diagnóstico precoz ou da atención á cronicidade. De aí que reivindicase que, para ter un sistema sanitario de primeira, é preciso contar cunha atención primaria forte, xa que este nivel asistencial é a porta de entrada dos cidadáns aos servizos de saúde.
Neste sentido, recordou que a Xunta destina este ano á atención primaria un orzamento histórico, de máis de 1.700 millóns de euros, e que vén de aprobar un Plan de reforma deste nivel asistencial, que inclúe melloras tanto para pacientes como para profesionais.
Entre outras novidades, contempla a creación de máis de 640 prazas en 16 categorías profesionais; o establecemento de 30 actos diarios nas axendas dos médicos de familia e de 25 para os pediatras; a redución da burocracia; a incorporación de novos perfís profesionais aos centros de saúde; ou a modificación do modelo retributivo, que terá en conta factores como a idade dos pacientes ou a dispersión na prestación sanitaria, e non só o número de tarxetas.
Con todo, lamentou que un dos principais desafíos é a falta de profesionais en determinadas especialidades, como sucede na medicina familiar e comunitaria. Así, puxo en valor os esforzos da Xunta para ampliar a oferta de formación nas especialidades deficitarias ata o 100% do permitido, ademais doutras iniciativas en materia de estabilidade e fidelización. Neste contexto, chamou a atención sobre que é o Goberno central o que ten a chave para paliar este déficit, a través de medidas como a habilitación de máis prazas MIR ou axilizando a homologación dos títulos.
Ademais, tamén lamentou a falta de diálogo do Goberno central á hora de elaborar o Estatuto Marco dos profesionais sanitarios, un documento de calado que se realizou -segundo salientou- ás costas tanto dos médicos como das comunidades autónomas.