O titular de Sanidade apuntou en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia que o proxecto se iniciará cando se dispoña dun terreo axeitado que cumpra todos os criterios urbanísticos e técnicos para a súa execución

Gómez Caamaño avanza que o centro de saúde de Poio é un dos 14 seleccionados para probar o novo modelo de axendas previsto no Plan de reforma da atención primaria

A semana que vén comezará a testarse no centro de saúde de Afanáns a organización que establece un limiar de 30 consultas por día para medicina de familia e 25 para pediatría

A veciñanza de Poio será das primeiras en beneficiarse do Plan de reforma da atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030, aprobado polo Consello da Xunta o pasado luns e dotado con 320 M€

O Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria contempla un novo centro de saúde para Poio cunha estimación de superficie superior aos 2.289 m2

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe no Parlamento que o centro de saúde de Poio é un dos seleccionados para probar o novo modelo de axendas previsto no Plan de reforma da atención primaria de Galicia 2026-2030.

A semana que vén comezará a testarse no centro de saúde de Afanáns a organización que establece un limiar de 30 consultas por día para medicina de familia e 25 para pediatría.

Así, a veciñanza de Poio será das primeiras en beneficiarse do Plan de reforma da atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030, aprobado polo Consello da Xunta o pasado luns e dotado con 320 M€.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, o conselleiro reafirmou, ademais, o compromiso da Xunta coa construción do novo centro de saúde de Poio.

Segundo explicou o responsable autonómico, a Xunta precisa, para a execución dese centro, unha parcela que reúna todas as garantías urbanísticas, técnicas, de servizos e de accesibilidade para albergar o futuro centro de saúde da localidade.

Neste senso, incidiu en que Goberno galego impulsará o proxecto cando se dispoña dos terreos axeitados que cumpran todos os criterios técnicos de execución xa que a parcela que elixiu a anterior corporación local non cumpre os requisitos urbanísticos e de accesibilidade para facelo viable.

Tal e como recolle o Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria da Xunta, o novo centro de saúde de Poio contará cunha de superficie superior aos 2.289 metros cadrados, incrementando o seu número de consultas respecto do centro de Anafáns e ampliando a súa carteira de servizos coa incorporación da fisioterapia e da saúde bucodental.

O conselleiro defendeu que un investimento público como o que se vai facer no novo centro de saúde de Poio require que a parcela cumpra teña aval urbanístico, dotación de servizos e accesos axeitados. A parcela proposta polo anterior executivo local, foi adquirida sen dispoñer de servizos con accesos, o que obriga ao actual goberno municipal a procurar solucións para facelo viable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2026