A Xunta defende o traballo levado a cabo para ofrecer un transporte público adaptado o máximo posible ás necesidades das persoas usuarias
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, aclarou no Parlamento que debido ao incremento constante de usuarios poden producirse casos puntuais nos que non sexa posible absorber toda a demanda
No caso do transporte metropolitano da Coruña destacou o diálogo continuo cos concellos para abordar propostas de modificación sempre que sexa posible
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta traballa cada día para garantir un transporte público de calidade, accesible, eficiente e adaptado o máis posible ás necesidades das persoas usuarias facendo seguimento da oferta e dos niveis de demanda para coñecer a evolución das necesidades de mobilidade e poder facer axustes ou melloras que permitan optimizar o funcionamento do sistema. Nesta liña, engadiu que se teñen en conta as demandas da cidadanía, valorando a súa incorporación á planificación dos servizos, se ben -aclarou- non é posible atender o 100% dos usuarios e poden producirse casos puntuais nos que a oferta non poida absorber a totalidade da demanda, debido ao incremento constante da mesma.
Así, a demanda incrementouse nun 60% na comunidade ao pasar dos 24,4 millóns de viaxeiros rexistrados en 2021 aos 39 millóns do ano pasado. No caso do transporte metropolitano da Coruña o aumento é similar no mesmo período ao pasar de 5,4 a 8,1 millóns de pasaxeiros. Neste sentido, indicou que a Xunta mantén un diálogo continuo cos concellos no marco da comisión de seguimento da Área de Transporte Metropolitano da Coruña, onde se analizan as propostas de modificación de liñas, frecuencias ou paradas.
No que se refire á mellora das conexións entre a área metropolitana e a Universidade da Coruña (UDC), aclarou que actualmente a oferta mantense, no caso do campus de Elviña con 40 servizos diarios con parada no propio campus, con conexións a Ferrol, Arteixo, Sada e Culleredo. A esta oferta súmanse as liñas que paran en Alfonso Molina, que elevan o total ata os 235 servizos diarios e amplían as conexións ao conxunto da área metropolitana como Cambre, Carral, Betanzos ou Oleiros; e a outros destinos como Ourense. No campus da Zapateira hai oito servizos diarios, con conexións con Ferrol, Cambre, Culleredo, Bergondo e Sada, mentres que o campus de Bastiagueiro está atendido por 113 servizos diarios, que enlazan a contorna de Santa Cruz, Mera e Sada coa cidade da Coruña. Por último, os campus da Maestranza e de Riazor, no interior da cidade da Coruña, contan con un e catro servizos interurbanos diarios, respectivamente. Ao tratarse de campus urbanos, e ao igual que o campus de Oza, a súa conexión resólvese principalmente a través do transporte urbano da cidade, co que estes servizos interurbanos permiten enlazar.
Conexións hospital A Coruña e Carballo
Por outra parte, noutra pregunta relacionada coas conexións de transporte público entre Carballo e o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Diego Calvo aclarou que para mellorar a accesibilidade nos últimos anos realizáronse varias modificacións, coa incorporación de novas paradas ao longo dos percorridos, permitindo ampliar a cobertura, así como o cambio da orde e da localización dalgunhas delas co obxectivo de facer máis eficientes os percorridos. Canto á oferta actual entre Carballo e A Coruña de luns a venres hai 29 conexións por sentido, 18 delas directas, e nas fins de semana hai 15 por sentido. Ademais, respecto á demanda, sinalou o incremento de máis do dobre no número de usuarios das conexións entre Carballo e A Coruña -de máis de 61.200 en 2021 a máis de 147.800 en 2025-, ao igual que no sentido contrario de A Coruña cara Carballo -de máis de 62.000 a máis de 145.800 no mesmo período-.