A Xunta licita por preto de 870.000 euros as obras para mellorar a climatización dos centros de saúde do Milladoiro e Concepción Arenal de Santiago de Compostela
As dúas licitacións corresponden a contratos independentes, cun orzamento de 411.400 € para o centro de saúde do Milladoiro e de 458.566,67 € para o Concepción Arenal
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de outubro ás 14,00 horas
No Milladoiro instalaranse dúas bombas de calor aerotérmicas e un sistema de control centralizado da climatización
No Concepción Arenal renovaranse os equipos de produción de frío, reforzarase a ventilación e mellorarase o sistema de control e xestión das instalacións
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia licita por un importe conxunto de 869.966,67 euros os contratos para as obras de mellora da climatización nos centros de saúde do Milladoiro e Concepción Arenal, pertencentes á área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
Trátase de dous contratos independentes, cun orzamento base de licitación de 411.400 euros para a actuación no centro de saúde do Milladoiro e de 458.566,67 euros para o centro de saúde Concepción Arenal.
Ao realizarse os traballos en centros en funcionamento, as obras adaptaranse en todo momento aos horarios laborais e ás necesidades do servizo, garantindo a actividade asistencial como prioridade.
As empresas interesadas en participar nestes procedementos poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de outubro ás 14,00 horas.
Mellora da climatización do centro de saúde do Milladoiro
No caso do centro de saúde do Milladoiro, o contrato ten como obxecto a instalación dun novo sistema de climatización mediante dúas bombas de calor aerotérmicas, situadas no exterior do edificio.
A actuación inclúe tamén a instalación dun depósito de inercia, novos colectores xerais de distribución de auga e os correspondentes equipos de bombeo, así como as instalacións eléctricas necesarias.
Ademais, o centro contará cun sistema de control centralizado que permitirá xestionar o equipamento tanto desde o propio edificio como desde as oficinas centrais do Servizo Galego de Saúde.
Renovación da climatización do centro de saúde Concepción Arenal
Pola súa banda, as obras do centro de saúde Concepción Arenal consistirán na renovación dos equipos de produción de frío, o reforzo da ventilación e a mellora do sistema de control para garantir o confort térmico e a eficiencia enerxética.
A nova maquinaria estará composta por tres bombas de calor aire-auga, con capacidade para proporcionar tanto frío como calor, que se instalarán no exterior do edificio e estarán conectadas a un acumulador de inercia que actuará como separador hidráulico e almacén de auga de climatización.
Así mesmo, reformarase a instalación eléctrica para dar servizo aos novos equipos e permitirse a súa integración nun sistema de xestión enerxética (EMS) e, posteriormente, no sistema de control centralizado do edificio (BMS), o que optimizará o seguimento do centro e facilitará as tarefas de mantemento.