A Xunta conclúe a declaración como Ben de Interese Cultural de seis moedas históricas de Galicia
O Goberno galego concédelle o recoñecemento a estas pezas ao conformar un testemuño material e documental da presenza do Reino Suevo en Galicia e do medievo renacentista
Na actualidade están depositadas no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural de seis moedas históricas de Galicia na categoría de moble singular, que forman parte da colección numimástica do galego Antonio Orol. Deste xeito, conclúe o proceso deste recoñecemento que acredita estas emisións “raras e únicas” que constatan a presenza do Reino Suevo en Galicia e do medievo renacentista, das cales non se coñece ata o momento outros exemplares iguais.
Así, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recollen no expediente que estes elementos abranguen desde o período do reino suevo e visigodo, así como do período dos Reis Católicos e do reinado de Felipe II e “a totalidade das moedas históricas obxecto da incoación presentan un excelente estado de conservación”. Neste senso, entre as sete moedas, atópase unha emisión única, que constitúe unha das poucas testemuñas material e documental auténticas da existencia do Reino Suevo en Galicia, á que os técnicos lle recoñecen “un valor cultural senlleiro” polas súas características artísticas. Ademais, destacan dúas pezas cuñadas na Coruña de “gran valor cultural e de rara cuñación”.
Cómpre salientar que a incoación inicial constaba de sete moedas, mais a peza coñecida como 1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña foi adquirida na poxa mediante o exercicio do dereito de tenteo polo Ministerio de Cultura para destinala ao Museo Arqueolóxico Nacional e pasou a formar parte das coleccións do Estado que se custodian na dita institución.