A incidencia da gripe rexistra unha tendencia estable, cun aumento da dispensación de antigripais

A taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 18,1 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos descendeu un 2,4 %

As consultas por gripe diminuíron un 12,5 % respecto da semana anterior

A taxa de ingresos por gripe foi do 1,1 %, mantendo unha cifra estable

Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 2,9 %, quedando en 35,6 por 100.000 habitantes, e os ingresos subiron ao 6,1 por 100.000 habitantes

A Xunta xa iniciou a campaña de vacinación nas residencias de maiores e centros de discapacidade e o 13 de outubro comezará a inmunización infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios integrados no proxecto piloto

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 4 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade rexistra unha tendencia estable, malia o aumento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas.

A taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 18,1 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos descendeu un 2,4 %, tal e como informan as oficinas de farmacia que forman parte da rede sentinela creada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Segundo se recolle no informe semanal do departamento sanitario galego, a taxa de consultas por gripe diminuíu un 12,5 % respecto da semana anterior, ficando en 14,7 consultas por 100.000 habitantes. O descenso desta taxa de consultas produciuse en todos os grupos de idade, agás do grupo de 0 a 4 anos, cunha suba do 2,4, sendo ademais o grupo coa maior taxa de consultas con 25,2 consultas por 105 habitantes. No que se refire ás áreas sanitarias, a da Coruña e Cee foi a que rexistrou a maior taxe de consultas.

Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 2,9 %, quedando en 35,6 por 100.000 habitantes. Este descenso observouse en todos os grupos de idade agás no de 20 a 59 anos e no de máis de 80 anos. Neste último grupo a taxa foi de 56,6 consultas por 105 habitantes. Por área sanitaria, a taxa de consultas aumentou en todas elas, agás na da Coruña e na de Ferrol. A área coa maior taxa foi a de Ourense con 51,8 consultas por 100.000 habitantes.

Taxa de ingresos con patóxeno confirmado

O número de ingresos por gripe notificados, ata a semana que rematou o 4 de outubro, é de 30 persoas (a totalidade con virus do tipo A). Na semana 40 a taxa de ingresos foi de 1,1 ingresos por 105 habitantes, similar á da semana anterior e practicamente estable en todos os grupos de idade e áreas sanitarias. O grupo de idade que presentou a taxa máis elevada foi o de máis de 80 anos con 4,9 ingresos por 100.000 habitantes e a área coa maior taxa foi a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos con 2,8 ingresos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, a taxa de ingresos da covid aumentou de 5,4 a 6,1 ingresos por 100.000 habitantes. Este incremento observouse en todos os grupos de idade agás nos de 0 a 4 anos e de 5 a 19 anos.  O grupo de idade que presentou a maior taxa de ingresos foi o das persoas maiores de 80 anos con 34,6 ingresos por 100.000 habitantes. No que se refire ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos aumentou nas áreas de Santiago, Ferrol, Pontevedra e Vigo. A área coa taxa máis elevada foi a de Vigo con 10,7 ingresos por 105 habitantes.

Polo que respecta á positividade do virus da gripe, esta foi do 3,7%, o que supón un descenso respecto da semana anterior (4,5%).

Campaña de vacinación

A Xunta iniciou o pasado día 28 de setembro nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos.

A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos  centros de saúde e nos 75 colexios onde a Xunta está a desenvolver un proxecto piloto que xa iniciou o pasado ano, cunha poboación diana de 26.500 alumnos.

A partir do 19 de outubro, a vacinación estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios e, posteriormente, o dous de novembro, ás embarazadas.

Data de actualización: 08/10/2026