Belén do Campo achegouse á carpa instalada con motivo do día Mundial da Visión e compartiu a xornada cos representantes do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia
Belén do Campo destacou que a celebración ten como obxectivo chamar a atención sobre a importancia dunha correcta saúde visual para unha condución segura e animar á cidadanía a revisar a súa visión e informarse sobre os aspectos que deben terse en conta ao volante
A Coruña, 8 de outubro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a Esther Amaro, presidenta do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, participaron, este xoves, na xornada organizada polo Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia con motivo do Día Mundial da Visión, que este ano está dedicado á relación entre a visión e a condución. Este colexio conta con 1.340 colexiados.
Belén do Campo achegouse á carpa instalada na praza de Lugo, na Coruña, onde tivo ocasión de coñecer de primeira man as actividades informativas desenvolvidas polo colectivo de ópticos-optometristas e compartir a xornada cos seus representantes.
A delegada agradeceu esta iniciativa que ten como obxectivo “chamar a atención sobre a importancia dunha correcta saúde visual para unha condución segura e animar á cidadanía a revisar a súa visión e informarse sobre os aspectos que deben terse en conta ao volante”.
Con motivo do Día Mundial da Visión, os establecementos sanitarios de óptica de Galicia celebran esta semana, do 5 ao 11 de outubro, xornadas de portas abertas nos establecementos sanitarios de ópticas para atender as consultas da cidadanía relacionadas coa saúde visual e, especificamente, coa visión e a condución.
Durante o día de hoxe na Coruña, os profesionais ofrecen información á cidadanía na carpa sobre a importancia da visión na condución, un ámbito no que a capacidade visual resulta fundamental para percibir a estrada, interpretar sinais e semáforos, calcular distancias e velocidades, detectar movementos e reaccionar ante as diferentes situación e factores que poden producirse durante a circulación como o mencer ou o solpor, a fatiga visual, xornadas de choiva e néboa, horas de escuridade ou deslumbramento do sol.
A delegada da Xunta destacou a importancia de revisar a vista antes de poñerse por primeira vez ao volante, os maiores e a población en xeral e puxo en valor o labor dos profesionais da óptica e a optometría na promoción dos coidados da saúde visual e subliñou a importancia de facilitar á cidadanía información e recursos que contribúan á prevención e á detección de posibles problemas visuais.
Medidas apoio Xunta
Belén do Campo, puxo en valor o compromiso do Goberno galego con iniciativas que facilitan o acceso das persoas maiores a servizos relacionados coa saúde visual e que, ao mesmo tempo, contribúen a dinamizar o comercio de proximidade. Neste sentido, destacou as vantaxes que ofrece o Carné +65, que permite acceder a descontos e promocións en máis de 900 establecementos adheridos en Galicia, entre eles ópticas, con descontos que nalgúns casos chegan ao 30% en gafas e audiófonos. Concretamente na provincia da Coruña hai 72 ópticas adheridas e na cidade da Coruña 15 establecementos.
Do Campo lembrou tamén o apoio da Xunta ao pequeno comercio a través do Bono Activa Comercio, unha iniciativa que na última edición contou cun crédito inicial de 5 millóns de euros e dotado con 30 euros por persoa para descontos en compras realizadas nos establecementos adheridos. A delegada subliñou que ambas as medidas “teñen un dobre beneficio, porque axudan ás familias a afrontar os seus gastos cotiáns e, ao mesmo tempo, apoian o comercio de proximidade e os negocios que forman parte da vida das nosas vilas e cidades”. Neste sentido, lembrou que na ultima campaña estiveron adheridas 354 ópticas en Galicia e 154 na provincia.
A xornada completouse posteriormente cun encontro de confraternidade, no que tamén estivo presente a delegada da Xunta, xunto cos representantes e socios do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia.