O conselleiro de Sanidade, xunto co director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e co xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, visitou hoxe o novo dispositivo

Gómez Caamaño destaca que a unidade de endoscopia avanzada fai do Hospital Álvaro Cunqueiro unha referencia nacional con procedementos de alta complexidade e ata un 30 % máis de actividade

Subliña que actualmente o Servizo de Aparello Dixestivo vigués realiza arredor de 18.000 procedementos endoscópicos ao ano e que a unidade, ademais de aumentar a súa actividade, permitirá liberar quirófanos e salas de radioloxía

Explica que a endoscopia biliar é unha das técnicas máis beneficiadas, xa que combina endoscopia, radioloxía e anestesia, cunha elevada coordinación e capacidade tecnolóxica

Indica que este novo dispositivo requiriu un investimento de 920.000 € en equipamento electromédico e mobiliario clínico

A unidade tamén é referencia para a formación e xa acolleu un curso de intervencionismo biliopancreático con especialistas de diferentes hospitais nacionais

Vigo, 9 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou que o Hospital Público Álvaro Cunqueiro é referente a nivel nacional grazas á súa nova unidade de intervencionismo e endoscopia avanzada, que realiza procedementos de alta complexidade e que pode acadar un incremento da actividade de ata un 30 %.

O conselleiro de Sanidade visitou o novo dispositivo acompañado do director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e de profesionais dos Servizos de Aparello Dixestivo e de Anestesia e Reanimación.

Coa posta en marcha desta unidade, Gómez Caamaño resaltou que se concentran nun mesmo espazo procedementos endoscópicos de alta complexidade que, ata agora, nalgúns casos tiñan que realizarse en quirófano ou na área de Radioloxía, por precisar apoio anestésico ou radiolóxico.

Deste modo, a nova organización permite liberar quirófanos e salas de Radioloxía para outros pacientes e incrementar a capacidade do propio Servizo de Aparello Dixestivo, que é actualmente  de arredor de 18.000 procedementos endoscópicos ao ano.

Novo equipamento electromédico e mobiliario clínico

A nova sala conta cunha dotación tecnolóxica de altas prestacións, formada por 2 torres de endoscopia, 4 ecoendoscopios, 2 colonoscopios, 2 gastroscopios e 2 ecógrafos de altas prestacións, ademais do equipamento complementario necesario para os distintos procedementos intervencionistas.

Tal e como sinalou Gómez Caamaño, o Servizo Galego de Saúde investiu 920.000 euros neste equipamento electromédico e mobiliario clínico necesario para a súa creación.

Esta dotación permite abordar procedementos diagnósticos e terapéuticos de alta complexidade, incluídas puncións de lesións pancreáticas, drenaxes, obtención de mostras, colocación de próteses e dilatacións, así como a extracción endoscópica de tumores ou pólipos complexos, que anteriormente podían requirir cirurxía.

O conselleiro de Sanidade mencionou a endoscopia biliar como unha das técnicas especialmente beneficiadas pola nova infraestrutura, xa que combina endoscopia, radioloxía e anestesia e precisa dunha elevada coordinación e capacidade tecnolóxica.

Polo tanto, supón un beneficio para os pacientes xa que a evolución da endoscopia permite realizar, por medio de técnicas minimamente invasivas, intervencións que antes requirían cirurxía convencional. Isto, segundo aclarou o conselleiro, reduce a agresividade dos procedementos, os riscos e, nalgúns casos, tamén a hospitalización.

Gómez Caamaño resaltou o coñecemento, a coordinación e o importante esforzo organizativo dos profesionais implicados para poñer en funcionamento este dispositivo, incorporando novas técnicas e acadando unha atención aos pacientes cada vez máis especializada e de maior calidade.

De igual modo, o Gómez Caamaño deu importancia ao apartado docente e de formación, dado que a unidade está preparada para transmitir procedementos a calquera centro do mundo e xa acolleu un curso de intervencionismo biliopancreático no cal participaron especialistas galego e tamén procedentes doutros hospitais de España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2026