Villaverde participa en Burela na presentación da sétima edición do Camiño Gastronómico do Mar
A conselleira do Mar asistiu á presentación da campaña organizada pola OPP-7 de Burela e a Asociación Amigos do Camiño do Mar
A iniciativa desenvolverase entre outubro e novembro a través de sete etapas que percorrerán 15 concellos da Mariña, Ortegal e Ferrolterra, con degustacións de produtos pesqueiros ao remate de cada xornada
Burela (Lugo), 9 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na lonxa de Burela na presentación da sétima edición do Camiño Gastronómico do Mar, organizada pola Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) e a Asociación Amigos do Camiño do Mar. A iniciativa desenvolverase entre outubro e novembro a través de sete etapas que vinculan o sendeirismo, a gastronomía e o patrimonio cultural de 15 concellos da Mariña lucense, Ortegal e Ferrolterra.
Durante a súa intervención, Villaverde referiuse aos distintos sectores que participan na iniciativa e á relación entre a actividade pesqueira e a restauración. Neste sentido, lembrou o traballo dos profesionais que fan posible que os produtos mariños cheguen aos consumidores “coa súa máxima frescura e calidade. E con todo o sabor, grazas tamén aos cociñeiros que se suman ao proxecto”. Unha relación da que destacou o “traballo serio e constante, que vai máis alá da pesca, e que deixa a súa impronta en iniciativas tan fantásticas coma esta”.
A principal novidade desta edición é a incorporación directa dos restaurantes das localidades participantes á elaboración das degustacións que se ofrecerán ao remate de cada etapa. “O peixe sae dos barcos da nosa frota, recala na lonxa de Burela, percorre as nosas terras e o noso patrimonio, e saboréase nas nosas vilas mariñeiras”, apuntou a conselleira.
Entre os produtos protagonistas da campaña figuran a pescada do pincho e o bonito do norte, dúas das especies representativas da frota de Burela. A organización dispón nesta edición dunha páxina web específica para consultar a información das etapas e xestionar as inscricións, así como dunha credencial que os participantes poderán selar ao seu paso polos concellos do itinerario.
O programa contempla sete etapas dominicais, con percorridos a pé de entre 12 e 15 quilómetros aproximadamente. A campaña comezará este domingo, 11 de outubro, coa ruta entre Ribadeo e Barreiros, e continuará por Foz-Burela, Cervo-Xove, Viveiro-O Vicedo, Mañón-Ortigueira e Cariño-Cedeira, ata concluír o 22 de novembro coa etapa entre Valdoviño, Narón e Neda.