María José Gómez destaca as oficinas rurais como servizos esenciais para a atención á cidadanía e ao sector primario
A conselleira do Medio Rural, acompañada da secretaria xeral técnica do seu departamento e do director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, visitou a oficina de Meira, onde valorou a importancia destas instalacións para a poboación
Nestas dependencias traballan arredor dunha trintena de persoas, entre técnicos, veterinarios, axentes, administrativos e integrantes das brigadas contra incendios
Gómez salientou que en total existen 69 oficinas rurais en Galicia e reafirmou o compromiso da Consellería coa mellora constante desta rede espallada polo territorio da comunidade
Meira (Lugo), 9 de outubro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés, e polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, visitou hoxe as instalacións da oficina rural de Meira, que acolle tamén as dependencias do Distrito Forestal e a Base de Unidades Operativas (BUO) para o persoal de loita contra os incendios. Nesta visita, a conselleira salientou o importante labor destes servizos para a cidadanía no rural, aos que poden acudir para todo tipo de consultas e xestións vinculadas cos ámbitos agrícola, gandeiro e forestal, ademais de tramitar axudas e subvencións e outros servizos relacionados coas súas explotacións.
Precisamente, nesta oficina a Xunta vén de rematar diversas actuacións de reforma e adaptación, “co fin de mellorar a atención que se presta á cidadanía e tamén as condicións dos profesionais que traballan nela”, tal e como indicou a titular de Medio Rural. Estes labores serviron para rehabilitar e unir varios inmobles do baixo no que se atopa a oficina e permitiron habilitar, na súa totalidade, arredor de 700 metros cadrados de superficie.
Deste xeito, a nova sede concentra nun mesmo espazo servizos agrarios, veterinarios, administrativos e forestais, facilitando as xestións e evitando desprazamentos innecesarios á cidadanía. Ademais, a integración da BUO favorece tamén unha mellora das condicións de traballo e descanso dos profesionais que desenvolven a súa actividade nesta contorna. En total, nestas dependencias traballan arredor dunha trintena de persoas.
Maria José Gómez destacou, ademais, que a rede de oficinas rurais está formada por un total de 69 instalacións repartidas por toda Galicia, desde as que “se presta un servizo fundamental para as persoas que viven e traballan no rural” e afirmou que, no futuro, a Consellería seguirá traballando para mellorar esta ampla rede, tendo sempre como principal prioridade a optimización da atención cidadá.