Villares participa na presentación da Milla Internacional do Cantábrico, que reunirá a atletas de elite esta fin de semana en Viveiro
O delegado territorial da Xunta destaca a excelente oportunidade que supón acoller na localidade esta cita, que será un “gran escaparate” para a zona e permitirá ao público vivir en directo unha competición deportiva de máximo nivel
Viveiro (Lugo), 14 de outubro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación da primeira Milla Internacional do Cantábrico, que congregará esta fin de semana en Viveiro a atletas de máximo nivel xunto con categorías populares e de base.
A iniciativa está organizada polo CD Camovi e o Concello de Viveiro, e ten como embaixador ao deportista vivariense Adrián Ben. O Goberno galego colabora co evento, que reunirá arredor de 500 corredores para competir nas diferentes probas.
A principal será a Milla elite - o sábado 17 ás 19,00 horas -, na que participarán grandes figuras do atletismo nacional e unha destacada representación internacional. O circuíto constará de 1.609 metros en catro voltas pola Travesía da Mariña.
Na tarde dos sábado tamén se desenvolverá a MIC Kids - 17,00 horas -, con diversas probas e distancias para os nenos e nenas ata sub-16; e as competicións do resto de categorías – 18,00 h. -.
Para o domingo 18 está prevista unha carreira popular de 10 quilómetros, cun percorrido circular que discorrerá pola fachada marítima de Viveiro e o porto de Celeiro. A saída – 11.00 h.- e a meta estarán xunto á porta de Carlos V.
Villares destacou a excelente oportunidade que supón acoller en Viveiro unha cita desta envergadura, que funcionará como un gran escaparate para a zona e permitirá ao público desfrutar en directo dun espectáculo deportivo de alto nivel.
Recalcou ademais que “vivir de cerca esta experiencia con atletas que son referentes animará a moitos nenos e nenas a seguir practicando deporte”.