A Xunta destaca o papel do automobilismo galego como motor deportivo e dinamizador económico
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou na presentación da 48ª edición do rally San Froilán, penúltima proba do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto que se disputa a vindeira fin de semana
Lugo, 14 de outubro de 2026
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou hoxe no acto de presentación do 48º Rally San Froilán, penúltima proba do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto 2026 que se desenvolverá os días 16, 17 e 18 de outubro.
Durante a súa intervención, Roberto García felicitou a Escudería Miño pola organización desta cita, xa clásica no calendario do automobilismo galego, e agradeceu o traballo de todas as persoas que fan posible a competición. O secretario xeral destacou que o automobilismo galego conta con preto de 3.000 licenzas e subliñou a importancia de manter a seguridade ao longo da proba, coa colaboración tamén da afección.
Roberto García reiterou o compromiso da Xunta co automobilismo galego para contribuír ao desenvolvemento do deporte e tamén á actividade turística e económica dos territorios nos que se celebran estas competicións.
O Rally San Froilán contará con cinco treitos diferentes, todos eles con dúas pasadas, que sumarán 107,8 quilómetros cronometrados nun percorrido total de 447,44 quilómetros. A proba terá a súa base na cidade de Lugo e pasará polos municipios de Outeiro de Rei, O Corgo, Baralla, Sarria e Samos.